Matarile volve a Compostela para celebrar os seus 30 anos

Unha das compañías máis renovadoras das artes escénicas galegas cumpre 30 anos e regresa a Compostela, onde dirixiron o Teatro Galán e o festival En Pé de Pedra, para celebralo.

matarile-30anos
photo_camera Baltasar Patiño, Branca Novoneyra (concelleira de Cultura) e Anna Vallés na presentación do aniversario

Matarile Teatro (Ana Vallés e Baltasar Patiño) celebrará estes 30 anos da compañía no Teatro Principal, onde repasará a súa traxectoria coa posta en escena o vindeiro marzo de tres traballos.

A primeira cita será martes 1 de marzo con ‘Teatro invisible’, para continuar mércores 2 e xoves 3 con dúas funcións de ‘Staying Alive’, onde a directora Ana Vallés retoma os traballos de danza e corpo. O día 3, antes da función de Staying Alive, poderase ver unha acción extraida de ‘Hombres visagra’, edición especial. Pecha Matarile o aniversario con ‘El cuello de la jirafa’ os días 4 e 5 de marzo.

‘Teatro invisible’, é unha peza na que Ana Vallés se formula cuestións como ¿por que fai vostede teatro? ¿por que segue a facer teatro? e ¿por que fai teatro desa maneira?. Unha peza conversacional arredor da utilidade do teatro. Ana responde recordando situacións e experiencias e citando filósofos e pensadores, contando con Baltasar  Patiño como escenógrafo e axudante de dirección e convocando ao público, a un espazo diferente, o ambigú do teatro.

Con ‘Staying Alive’ (ou ‘Seguimos vivos’) do ano 2013, Matarile pon fin a tres anos de suspensión de actividade, coincidentes coa crise económica, para enfrontar ao público á arte e ao pensamento crítico sustentado no prosa poética e na expresividade dos corpos das actrices-bailarinas que xunto ao público deambularán entre palcos e galiñeiro do teatro. Prevía a función do día 3 poderase ver unha acción extraida do espectáculo ‘Hombres bisabra’ con electrónica en vivo.

En ‘El cuello de la jirafa’, Matarile xoga coa innovación espacial ao dispoñer ao público no escenario como ‘voyeur’ observador e crítico, un exemplo de teatro hiperpróximo. Na obra o espectador percibe a pequenez e a fraxilidade da existencia. A presenza de Baltasar Patiño mesturando músicas en directo no escenario contribúe a que a obra sexa enérxica e vital.

Os tres espectáculos son pois adaptacións especificamente pensadas para o Principal buscando que actores e espectadores conflúan no ambigú, no escenario ou nos palcos e o galiñeiro do teatro.

Complétase a semana de aniversario con ‘Ponencias perras’ o sábado 5 de marzo ás 11.30h no anfiteatro onde se reunirán Eduardo Pérez-Rasilla (crítico de teatro), Alfonso Becerra (dramaturgo e director de teatro), Antón Lopo (escritor, xornalista e áctor) e Ana Vallés (directora Matarile Teatro) para falar de apuntamentos irreverentes sobre a escena contemporánea. 

Comentarios