UNHA ANÁLISE APÓS O DÍA DA PATRIA GALEGA 2015

A masiva marcha do 25X mostra o enorme potencial da unidade a prol da Galiza

A marcha do 25X superou todas as expectativas e mostrou até que ponto é intenso o desexo en larguísimos sectores da sociedade galega de que as forzas políticas co centro de gravidade na Galiza camiñen cara á unidade. 

Foto capa 25J
photo_camera Foto capa 25J

No cuantitativo, a manifestación foi un suceso incontestábel. Superou no mínimo en 5.000 persoas as marchas máis numerosas realizadas nos últimos anos, as convocadas polo BNG. Foi nese sentido un éxito do grupo promotor, mais tamén do propio Bloque: sen a súa xenerosidade -nunca é doado para unha forza política renunciar aos seus propios símbolos, e o Día da Patria Galega era, é, o principal rito colectivo do BNG-, a manifestación de onte non tería sido posíbel.

No cualitativo, a marcha deixa unha mensaxe moi nidia: na contorna social do complexo mundo que gravita arredor do nacionalismo, o independentismo, o soberanismo e o galeguismo -distintas sensibilidades de proxectos que teñen en común a pertenza ao espazo político nacional galego- existe un claro desexo de que se camiñe cara á unidade nacional. A percepción é que a nación atravesa un momento delicado após varios anos de goberno do PP e após o aprofundamento dunha crise do capitalismo que aínda tornou máis neoliberal e centralista o Estado español. E a consecuencia desa percepción é a convicción de que sen unidade nacional o país non ten futuro nen opcións de avanzar cara á conquista da xustiza social e da autodeterminación.

"A manifestación foi un clamor a prol da unidade nacional. No BNG desde logo tomamos nota e actuaremos en consecuencia", afirmou a Sermos Galiza o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira. Mentres tanto, Anova escrebía na súa conta twitter: "Un cambio histórico. O conxunto da nación marcha en Compostela". Afirmacións que, xunto ás deitadas polos respectivos portavoces nacionais, Xavier Vence (BNG) e Xosé Manuel Beiras (Anova-Irmandade Nacionalista), voltan a alimentar a hipótese de que a unidade nacional escenificada na Quintana se puidese trasladar a unha candidatura galega para as xerais.

Se fixésemos un inquérito na Quintana, a candidatura de unidade nacional galega gañaría por goleada [pola mesma goleada pola que costuma gañar Pablo Iglesias en Podemos, se se nos permite a fácil brincadeira]

É obvio que se onte fixésemos un inquérito na Quintana a opción a prol desa candidatura de unidade nacional galega para as xerais gañaría por goleada [pola mesma goleada pola que costuma gañar Pablo Iglesias as súas consultas internas en Podemos, se se nos permite a fácil brincadeira]. Mais os movimentos sobre o taboleiro adoitan seren máis complexos e sería certamente destemido ligar unidade na manifestación con unidade eleitoral. Dependerá do grao de xenerosidade que acaben por mostrar os distintos actores en xogo, mais tamén dependerá da maior ou menor importancia que eses actores lle concedan ao recado que receberon do sector social que se expresou na Quintana, que é moi numeroso mais certamente non representa a totalidade da nación galega.

Na Quintana estaban o BNG -masivamente-, Anova -presenza de dirixentes, pouca militancia- e IU -contados dirixentes. Obviamente non estaba Podemos, o outro actor no xogo. Si que quixo estar ciberneticamente, através dun chío do seu segundo máximo dirixente, Íñigo Errejón, quen falou literalmente nos seus 140 carácteres dun Novo Tempo e un País Aberto. Aliás, as últimas noticias de Podemos non son de grande disposición a achegarse ás sensibilidades amigas, entre elas Anova. O seu referendo interno -saldado cunha baixísima participación, o 11%- outorgou unha esmagadora vitoria á aposta de Pablo Iglesias no mantimento da súa marca nas eleicións xerais, o que en principio afastaría calquera hipótese de acordo co combo de Beiras.

Nos meses que fican por diante das xerais, no mínimo 4, calquera cousa pode acabar por acontecer e sería moi prematuro estabelecer calquera hipótese como a máis probábel

Porén, a situación é aínda moi fluída, como se diría en linguaxe diplomática, e a velocidade dos acontecimentos é tan supersónica que nos meses que fican por diante das xerais, no mínimo 4, calquera cousa pode acabar por acontecer e sería moi prematuro estabelecer nengunha hipótese como a máis probábel.

O que si é indubitábel é que este 25 de xullo máis de 25.000 persoas tomaron a decisión de iren a Santiago de Compostela para mostrar a súa adhesión política e sentimental á Patria Galega e para patentizar inequivocamente que están polo maior grao posíbel de unidade entre as forzas políticas de obediencia estritamente galega.

O grupo promotor da marcha sintetizou esta idea co seu apelo a "fraguar unha maioría política que defenda Galiza".

Comentarios