Opinión

As máscaras, onde deben estar

Desde que comezou a epidemia do COVID-19, tanto o colectivo sanitario como moitas responsábeis políticas estánnos advertindo da escaseza de medios de protección en hospitais, centros de saúde e outros centros de atención sociosanitaria (nomeadamente; residencias da terceira idade ou de persoas con diversidade funcional etc…).

Estes anuncios son feitos, na maior parte dos casos, a modo de acusación, demanda, ou chamada de atención á (i)rresponsabilidade do Goberno central á hora de xestionar esta falta de medios.

Ao mesmo tempo, outras novas falan da aportación solidaria de distintos colectivos: tatuadores, clínicas odontolóxicas e outras entidades e mesmo cidadás anónimas que están doando o seu material de traballo para paliar as deficiencias do sistema sanitario.

Para rematar, vemos cada vez máis xente polas rúas ou nos seus postos de traballo utilizando luvas e máscaras de protección, aínda que estas medidas non están recollidas nas recomendacións de prevención a seguir do Ministerio de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

Ditas recomendacións só contemplan o uso destos medios en persoas con sintomatoloxía respiratoria aguda, persoas que, por outra banda, deberan estar en isolamento na casa ou hospitalizadas se for preciso, e por tanto, baixo ningún concepto paseando pola rúa.

Asemade, aquelas persoas que presentasen síntomas (tos, febre, dificultade respiratoria), nunca deben acudir de xeito presencial aos centros de saúde, senón que deben consultar a través dos teléfonos estabelecidos (en Galiza o 900 400 116, deixando o 061 só para emerxencias sanitarias).

Entón, a que responde o uso masivo de máscaras pola rúa? A que causa(s) pode obedecer?

Unha causa podería ser o medo, ben sexa a resultar infectado ou a contaxiar a outros. É ben sabido que o medo ás veces pode ser de utilidade para tomar precaucións que nos axuden a adaptarnos a situacións difíciles, mais, antes de máis deberíamonos preguntar que medidas son realmente útiles nestos casos. E aínda máis, haberá medidas que sexan mesmo, contraproducentes?

Para entendernos, levar mascarilla pola rúa é como levar un salvavidas no deserto, non vai a axudar moito e pode ser prexudicial. Se se ten que levar (porque se ten síntomas respiratorios agudos) non se debe estar na rúa nin no traballo.

Se non temos síntomas respiratorios agudos, as recomendacións xerais son manter a distancia de seguridade, evitar tocar a cara, lavado de mans frecuente e ao tusir taparse coa cara interna do cóbado ou cun pano de papel e inmediatamente tiralo ao lixo.

Usar mascarilla ou luvas pola rúa pode, polo contrario, proporcionarnos unha sensación de falsa seguridade, que pode comportar a asunción de maiores riscos tales como: tocar máis superficies expostas, tocarnos a cara para axustar a mascarilla e/ou lavar menos as mans do que deberíamos, todas elas conductas que aumentan o risco de contaxio.

Isto mesmo vale para o persoal sanitario que non traballa en situacións de alta exposición (urxencias, persoal que traballa con enfermos que sexan sospeitosos de padecer ou teñan confirmada a infección polo COVID-19, persoal en estreito contacto con persoas en situación de grande vulnerabilidade como persoas idosas e/ou con enfermidades crónicas...).

Tampouco é recomendado utilizar mascarilla ou luvas durante os desprazamentos polo interior dos centros sanitarios, primeiro porque non é útil, segundo porque pode ser contraproducente como xa se dixo antes e terceiro porque xera alarma innecesaria e da mal exemplo á cidadania, que tenden a adoptar estas medidas no seu día a día, de maneira errada como acabamos de ver.

Por último, hai que facer fincapé no gran problema de abastecemento e de falta de equipos en hospitais e outros dispositivos de atención, problema que se ve agravado polo mal uso que se fai deles. Tampouco podemos esquecer aquelas empresas e particulares que intentando facer negocio do medo e do sufrimento de moitas persoas fixeron acopio deste material.

Por tanto e xa para acabar, se saímos á rúa alén do estritamente necesario, se non cumprimos o resto de recomendacións relativas á hixiene e a manter a necesaria distancia social, igualmente estaremos aumentando o número de contactos e a posibilidade de contaxio, aínda que levemos mascarilla e luvas.

As máscaras e as luvas son necesarias sobre todo nos hospitais e nas casas das persoas en illamento, non na rúa, se as malgastamos ou facemos acopio innecesario delas, deixamos a quen nos coida, desprotexido.

Polo teu ben, polo de todos, para que haxa equipamento onde é máis preciso, fai un uso racional das medidas de protección, só cando sexan necesarias e estean indicadas serán eficaces.

É precisa entón unha resposta a tódolos niveis, político e social, individual e colectivo. Só así conseguiremos frear os contaxios e protexer aos máis vulnerábeis.

Comentarios