Imprimir

Mary Lou McDonald: "Grandes cousas poden pasar tamén en sitios pequenos, na periferia"

Redacción | 20 de novembro de 2020

Un momento da conversa telemática. (Foto: Nós Diario)
Un momento da conversa telemática. (Foto: Nós Diario)

A líder do Sinn Féin participou nunha charla coa do BNG, Ana Pontón. Estivo dirixida por Xabier Macías, presidente da Fundación Coppieters, que destacou os vencellos que unen Irlanda e Galiza e a influencia irlandesa no nacionalismo galego xa desde o século XIX.

"Imos ter un referendo de reunificación de Irlanda. É unha cuestión de data". Mary Lou McDonald, líder do partido nacionalista irlandés Sinn Féin, manifestou taxativavente que a consulta popular terá lugar na Illa Esmeralda, agora dividida entre un Estado independente, a República de Irlanda, e un territorio baixo soberanía do Reino Unido, Irlanda do Norte.

McDonald fixo estas declaracións esta sexta feira no transcurso dunha conversa telemática coa portavoz do BNG, Ana Pontón, organizada polas fundacións Galiza Sempre e Coppieters. A irlandesa criticou o actual Goberno de coalición no seu país pola súa actitude "remisa" a afondar nas negociacións co Goberno británico sobre esta cuestión. Londres, sinalou, sempre se negou a estabelecer un protocolo a seguir para levar a cabo a consulta, que ─lembrou─ está recollida nos Acordos de Venres Santo.

A charla estivo dirixida por Xabier Macías, presidente da Fundación Coppieters, que destacou os vencellos que unen Irlanda e Galiza e a influencia irlandesa no nacionalismo galego xa desde o século XIX.

Ao respecto, a líder do Sinn Féin salientou que Irlanda, malia estar na periferia de Europa, ela como dublinesa cre que as políticas que alí se fan ocupan o centro do que importa; e lembrou que hai cen anos semellaba imposíbel que unha pequena nación puidese lograr a independencia dun imperio como o británico. Así, ao referirse aos "amigos galegos", dixo que "grandes cousas poden pasar tamén en sitios pequenos, na periferia".

Brexit e Covid

O Brexit centrou boa parte da conversa. Para McDonald, un dos efectos positivos que tivo a saída do Reino Unido da UE  foi que a cidadanía de Irlanda do Norte se cuestione se a unidade da illa pode ser mellor para as súas vidas. Un detonante para o aumento do apoio do soberanismo tamén en Escocia e Gales.

"O referendo de unificación ímolo ter algún día e cremo que a UE nos debería apoiar neste proceso", afirmou McDonald.

Ana Pontón, pola súa banda, criticou a "crise de lexitimidade  da UE" ante a "perda de dereitos" da cidadanía, así pola perda do "control democrático sobre cuestións moi importantes". "O Brexit é unha cara da crise da UE", que cualificou de "instrumento para impor o neoliberalismo.

A respecto da pandemia, McDonald dixo que puxera de manifesto " a crueza do sistema  neoliberal". "Os heroes ─dixo─ non eran os bancarios, era a clase traballadora" e salientou neste sentido o papel das mulleres.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/mary-lou-mcdonald-grandes-cousas-poden-pasar-tamen-sitios-pequenos-periferia/20201120203243109534.html


© 2020 Nós Diario