As mártires de Sofán, cen anos de dignidade

Hai cen anos, falamos do 16 de febreiro de 1919, a Garda Civil abría fogo contra un grupo de persoas que protestaban na parroquia de Sofán, no concello de Carballo. A política do mauser volvía facerse presente na Galiza como sostén do réxime da I Restauración, provocando ducias de feridos e catro mulleres mortas que desde aquela serán para nós as mártires de Sofán. Carballo honra hoxe sábado ás 'Mártires de Sofán'.

[Foto: SG]
photo_camera [Foto: SG]

É a concepción moral da multitude que ante algún feito puntual saca toda a carraxe acumulada ante tanta opresión e violencia institucionalizada como maxistralmente explicou E.P. Thompson. As protestas populares, que ás veces semellan por razóns nimias ou incluso atávicas, como escribiu Antón Vilar Ponte para o caso de Sofán, agochan sempre vagas de fondo ou tendencias de vello que estoupan nun momento concreto sen explicación aparente.

 

A conxunción de factores que converxen nos feitos que rematarían co masacre da parroquia de Sofán, en Carballo, non se pode separar dun ciclo político marcado no plano internacional polas consecuencias da Grande Guerra e do trunfo da Revolución Soviética e no plano estatal pola crise do réxime da I Restauración, avalado a un tempo polos conflitos nacionais, a explosiva situación social derivada da falta de abastecementos e da carestía da vida e o malestar diante dunha democracia falseada e encouzada pola corrupción. 

 

A decisión das autoridades municipais de Carballo de clausurar o camposanto de Sofán e abrir un novo camposanto noutro lugar da parroquia foi inmediatamente contestada polas veciñas e veciños, negándose a enterrar cadáveres no mesmo. Mentres a corporación local, atendendo as esixencias de Manuel Regueiro, un dos máis caracterizados caciques do concello, teimaba en mudar o lugar dos enterramentos, a veciñanza, co apoio do párroco Antonio Carracedo, defendía unha ampliación do cemiterio vello e seguía dándolles terra aos seus defuntos clandestinamente baixo argumento de non querer separar os seus devanceiros.

 

Coñecedores os cargos gobernativos destes feitos ordenaron que se vixiasen os momentos nese sentido, extremando as medidas para que non se repetisen e denunciando mesmamente o párroco diante do xulgado por incumprimento do acordo municipal.

 

Os feitos

 

O 16 de febreiro de 1919 o cadáver de Xesús Loureiro González, fillo dun caseiro de Manuel Regueiro, era conducido ao cemiterio de Sofán, custodiado polo porteiro municipal Bieito Rodríguez Fariña e por un grupo de gardas civís presentes por orde dos Regueiro. Á altura do camiño que separa Campos de Bolón da Lagarteira, as mulleres tentaron entorpecer o paso da comitiva e rodear os gardas civís para que non actuasen, facendo estes do uso das baionetas que tiñan caladas e da munición do seu mauseres.

 

O uso indiscriminado da forza por parte da benemérita deixou ducias de veciñas feridas, restos de balas en diversas edificacións e catro mulleres mortas. Xosefa Bolón Mato, “Pepa do Neto”, morrera no acto dun disparo na cabeza, María Caamaño Pallas, embarazada e que deixaba sete fillos, morrera á tarde desangrada por unha ferida de baioneta, Carmen Veira Souto, morrera catro días máis tarde, e María Serrano Paz finara dunha gangrena no Hospital de Santiago de Compostela, ao ser detido o veciño que ía buscar o médico para socorrela. Ao tempo, serán detidos en Carballo e enviados á cadea Eliseo Remuiñán, Pedro Bello, Secundino Pérez, Manuel Fernández Gesto, Ramón Mañana, Xosé Varela, Domingo Periscal, Carme Queijeiro e Manuela Rodríguez.

 

Represión

 

O asasinato das catro mulleres abre unha nova fase do conflito, caracterizado pola solidariedade da Galiza democrática. Os seus enterros, o 20 de febreiro, convértense nunha grande manifestación, seguindo aos días seguintes un mitin de Carballo, promovido polas Irmandades da Fala, coa participación dos seus militantes Xaquín Martín Martínez, Luís Peña Novo e Manuel Lugris Freire e dos veciños de Carballos ligados a Solidariedade Galega Xulio Sánchez, Andrés da Tahona e Manuel Rey Escariz.

 

As autoridades locais tentaron impedir por todos os medios os actos de protesta, chegando a multar o veciño que cedeu o terreo para o acto, prohibindo unha manifestación ou dificultando as comunicacións para impedir o desprazamento dos veciños da localidade a un comicio convocado no local da Irmandade da Fala da Coruña, onde tomaron a palabra Lois Peña Novo, Antón Vilar Ponte, Roberto Blanco Torres e Santiago Casares Quiroga. A demanda de xustiza para a veciñanza de Sofán foi obxecto dunha intensa campaña de axitación nas comarcas coruñesas por parte da nacente estrutura política do nacionalismo así como da federación Local Obreira da cidade herculina.

 

Homenaxe

 

O Concello de Carballo organiza un acto este sábado para lembrar estas catro mulleres. Precisamente, ás mártires de Sofán dedícalles Sermos Galiza un dos capítulos do monográfico "De Nós" titulado Rebeldía Galega contra a inxustiza, escrito polo historiador Xan Fraga. A publicación está á venda na loxa.

Comentarios