Aniversario

70 anos do asasinato dos mártires da Vila da Igrexa

O 16 de abril de 1949 un grupo de militantes do Destacamento Eive Carbón da IV agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza é cercado pola Guarda Civil na Vila da Igrexa, en Cerdido, morrendo no combate Xosé Vilariño Fernández, Xosé Felpeto Gómez e Perfecto Castro MartínezTereso”.

Foto cerdido
photo_camera Mártires de Cerdido

Foi un ano negro para a guerrilla galega. Ao longo de 1949 o dispositivo represivo do réxime franquista golpea con contundencia nos núcleos operativos da resistencia armada provocando numerosas baixas nas súas filas, debilitando a súa rede de apoios e xerando unha forte sensación de desánimo no conxunto do movemento popular.

A ofensiva das forzas de seguridade do Estado bateu de xeito repetido a diversos operativos da IV agrupación do Exército guerrilleiro de Galiza a comezar coa caída de Paramos, en marzo de 1949, que remataría coa morte de Carme Temprano, Xosé María Castelo, Vicente Peña, Manuel Pena e Manuela Teiga ou a de Silán e que continuaría cun ronsel de asasinatos en Cerdido, Ourol ou Irixoa.

A vaga represiva daquel ano negro rematou por desmantelar as organizacións guerrilleiras en diversos puntos da nosa xeografía, descabezando a súa propia dirección e sentando as bases para o parón definitivo do actuar armado.

O obxectivo

A mediados do mes de abril de 1949 un grupo de militantes do Destacamento Eive Carbón da IV agrupación do Exército guerrilleiro de Galiza dislócanse desde Ourol até Cerdido para comprobar o estado no que se atopaba unha base subterránea existente nese concello e no caso de que a mesma permanecese operativa executar algún golpe económico na zona.

O comando conformado por Xosé Temblas Paz, Perfecto Castro Martínez “Tereso”, Xosé Felpeto Gómez, Xosé Chao RoucoBenita”, Roxelio Alonso CarralCanín”, Antonio Veiga Mexuto “Cacharrón” e Manuel Clavero de la Iglesia e dirixido por Xosé Vilariño Fernández “Arturo ou Pepón”, após comprobar que a súa infraestrutura permanecía intacta e consultar cos enlaces da localidade, acordaron levar adiante algunha das accións previstas.

O 16 de abril, atendendo ás indicacións dunha mestre da localidade, deciden impoñer unha sanción económica a un falanxista dunha parroquia de Cerdido, moi mal considerado pola veciñanza, pero que non tiña participado, segundo os informes internos da guerrilla, “en actos criminais”. Agochados durante o día nun monte nas proximidades da capitalidade do concello, agardando que escurese para executar a acción, son detectados por un ancián ao que proceden a deter tras unha dura discusión para evitar ser descubertos.

Alertada a familia pola ausencia do individuo, ás dúas horas preséntase no lugar unha filla do retido chamando polo pai a berros, non tardando en localizalo, e conseguindo -baixo ameaza de que se non o soltaban, outros familiares que andaban na súa procura darían con el- que rematasen por ceibalo coa promesa de que non daría conta a ninguén do sucedido.

O operativo guerrilleiro, unha vez superado o incidente, desprazouse á casa do falanxista para impoñer e cobrar a multa porén, cando iniciaban a súa saída do pobo, concretamente no lugar coñecido como a Vila da Igrexa, atópanse coa Garda Civil, que lles corta a fuxida.

Testemuño

Segundo testemuña un guerrilleiro fuxido a Franza nun informe dirixido á dirección do PCE en 1952, probabelmente se trata de Francisco Rei BalbísMoncho”, “Vilariño deu algunhas ordes, un viva á República e ao Partido mentres combatía e xa cando decidía retirarse asasinouno un garda civil. Felpeto non caería, segundo Veiga, que combatía ao seu carón, se non se atopase de pé no medio da estrada. Matou un garda, feriu outro pero por aguantarse naquela posición foi un branco fácil do inimigo. O mesmo lle ocorreu a Perfecto. Segundo todos os informes, todas as saídas do pobo estaban tomadas, pois na retirada todos atoparon resistencia”.

O combate deixou tres guerrilleiros mortos. Xosé Vilariño Fernández, natural de Fene, incorporado á clandestinidade en 1947, persoa de confianza de Manuel Fernández Soto “Coronel Benito”, que remataba de cumprir os vinte e cinco anos. Xosé Felpeto Gómez, veciño de Ourol, condenado en 1936 a cadea perpetúa, no monte desde 1942 e autor, probabelmente, do disparo que provocou a morte do Guarda Civil Ramón Pérez Casas. Perfecto Castro Martínez “Tereso”, neste caso nativo de Galdo en Viveiro, simpatizante comunista desde antes de 1936, membro da guerrilla de 1940 e veterano do antigo Grupo de Neira. Os membros do comando que saíron con vida non tardarían en caer en combate, Manuel Clavero de la Iglesia en Silán en xuño de 1949, Xosé Temblas Paz, Roxelio Alonso Carral “Canín”e Xosé Chao Rouco “Benita” en Monfero en outubro de 1949 e Antonio Veiga Mexuto “Cacharrón” en Narón en 1951.

Comentarios