Martiño Noriega: "Un Goberno alternativo a Núñez Feixoo será a tres ou non será"

Ex alcalde de Teo e de Compostela, Martiño Noriega afronta agora as eleccións do 12-X sendo o número 3 da candidatura de Galicia en Común pola Coruña. O político tamén é médico e reincorporouse á sanidade co estoupido da pandemia para axudar a facer fronte á COVID-19. 

O ex rexedor de Teo e Compostela e líder de Anova, Martiño Noriega, é candidato ao Parlamento.
photo_camera O ex rexedor de Teo e Compostela e dirixente de Anova, Martiño Noriega, é candidato ao Parlamento.

—Como sanitario, que valoración fai da xestión da crise?  

As e os profesionais da saúde fixeron máis con menos, asumiron graves riscos e deron o mellor de si, dignificando a sanidade pública. Pola contra, as políticas de recortes do PP provocaron a falta de material de protección para o persoal e a precarización da situación laboral, facéndonos máis vulnerábeis ante o virus.

Feixoo fixo unha política de improvisación permanente e con máis propaganda que medidas reais. Como exemplo, salientar o anuncio que fixo da apertura de hospitais de campaña cando non era necesario ou as declaracións desafortunadas da xerente da área sanitaria da Coruña-Barbanza, que é curmá de Feixoo, culpando o persoal sanitario dos contaxios e frivolizando coa situación de tensión que vivimos.
 
—Santiago foi un dos focos da pandemia coa crise na residencia de DomusVi en San Lázaro. 

A privatización do sistema de coidados que fai o Goberno galego, pondo o lucro por diante da calidade asistencial, derivou nun drama que debería avergoñar Feixoo.

El é responsábel, coa súa política de privatización de residencias, da situación crítica que se deu nos centros de maiores. É contrastábel que o número de mortes e de contaxios que houbo nas residencias privatizadas foi moi superior ao das públicas.
 
—Que medida da súa xestión como alcalde ve exportábel a un Goberno galego?

A miña experiencia no concello de Teo e no de Santiago foi de impugnación do modelo de privatización da prestación de servizos e de contratas, coa recuperación da auga para a xestión directa en Teo ou do servizo da ORA e do guindastre en Compostela. Eis unha cuestión a exportar a un futuro Goberno galego, pois, alén de que poida haber servizos externalizados, é importante que os que teñen que ver co social e cos recursos sexan prestados directamente pola Administración pública e que non se empreguen para facer negocio. 

A miña experiencia no concello de Teo e no de Santiago foi de impugnación do modelo de privatización da prestación de servizos e de contratas

Un futuro Goberno alternativo a Feixoo, que evidentemente será a tres ou non será, ten que apostar por unha política social que non sexa a da beneficencia. Nós, en Compostela, puxemos en marcha medidas como a renda inserción social, pioneira no Estado.

—Deixará a acta de concelleiro se entra no Parlamento?

A miña renuncia no concello vaise dar independentemente de que saia deputado ou non. O proceso de transición xa está falado en Compostela Aberta. 

Comentarios