Vigo: o martes de Entroido sanguento de 1903

Hai 116 anos, falamos de 24 de febreiro de 1903, a Guarda Civil deixaba mortos a tres veciños de Vigo que participaban nunha concentración diante da Casa do Concello. A lembranza do “martes de Entroido sanguento” ficou na memoria popular como outro exemplo da brutalidade das forzas da orde.

vigo
photo_camera Operarios traballando na Porta do Sol de Vigo a comezos do século XX (Vigopedia)

A masacre do martes de Entroido de 1903 en Vigo foi consecuencia da brutalidade das forzas da orde, ao servizo da política do réxime da Restauración, nunha situación moi conflitiva na cidade con motivo dunha folga dos ferroviarios. O malestar das clases populares viguesas contra a Guarda Civil e a policía municipal manifestouse en repetidas ocasións nos anos iniciais do século XX. Tanto é así, que no verán de 1902 o alcalde veuse obrigado a cesar ao xefe dos gardas locais Prudencio Contreras, por disolver unha foliada na noite de San Xoán a golpe de sable.

A brutalidade das forzas da orde

Prudencio Contreras exemplificaba a perfección o perfil medio do mando das forzas de seguridade nos tempos da I Restauración. Duro cos humildes, servil cos poderosos, sempre ao servizo dos intereses das elites locais, próximo ao rexedor da quenda e disposto a facer negocios a conta da súa responsabilidade, xogou un papel chave á hora de prender a mecha naquela revolta do Entroido que rematou cun baño de sangue.

As organización sindicais explicaron o acontecido como unha vinganza das forzas da orde pola vitoria dos ferroviarios na súa folga tan só uns días antes

A actitude do brazo executor da masacre, a Guarda Civil gardou semellanzas co acontecido naquel período noutras localidades galegas, como Oseira, Nebra ou Sofán. O proceso de branqueado da mesma, no marco da operación de lexitimación do modelo político institucionalizado na constitución de 1978, tenta camuflar as responsabilidades da institución como actor decisivo da represión nos últimos 175 anos. Porén, como xa demostrou Diego López Garrido, na súa tese de doutoramento dedicada a Benemérita, esta foi unha ferramenta chave para asentar o poder dos sectores oligárquicos, centralizar o Estado e pór freo ás demandas populares.

A media tarde de 24 de febreiro de 1903 produciuse un enfrontamento entre un grupo de persoas disfrazadas e algún número da policía local de Vigo. Mentres xente enmascarada entrou na sé da sociedade Ximnasio para saudar a unhas coñecidas, o axente Rafael Contreras tentou disolver a comparsa botando man do sable. A resposta dos presentes non se fixo agardar, increpando ao policía e esixindo que abandonase o lugar e cesase na súa actitude. Alertado, Prudencio Contreras non tardou en aparecer aumentado a carraxe popular.

A Casa do Concello cercada polas e polos manifestantes

Contreras, após advertir aos asistentes do carácter ilegal da súa presenza na rúa sacou o sabre da vaina e comezou a golpear coa arma ás persoas que se amoreaban nas portas do Ximnasio, véndose obrigado o xefe da policía municipal de Vigo a resgardarse no interior do local, de onde puido saír tras as xestións de dous concelleiros. Outra vez na rúa, ducias de persoas seguían a Contreras, insultándoo e afeándolle a súa actitude autoritaria porén o policía retornou a facerlles fronte, unha vez que se atopou con novos efectivos da garda local.

Cosme García Pinilla, Rogelio Rey Valiente e José Lorenzo Iglesias foron as tres persoas asasinadas pola Guarda Civil no marco das protestas

A cidade ferve. Mentres o mando policial caeu na conta de que nada podían facer contra un grupo cada vez máis numeroso de persoas que o perseguían, dirixiuse cara a Casa do Concello co obxectivo de protexerse. A multitude non paraba de amorearse diante do edificio, onde se refuxiaba a práctica totalidade dos efectivos do corpo, tentando mesmamente de botar abaixo ás portas do inmóbel. As persoas, que na súa marcha recolleran pedras nunha obra en construción, non cesan no seu cerco, malia a actitude desafiante de Contreras.

A Guarda Civil non tardou en aparecer para disolver a masiva manifestación. O máximo responsábel da benemérita en Vigo, o capitán Millán, enviou á praza do Concello, unha sección co obxectivo de pór remate á concentración. Á fronte deles situou ao tenente Joaquín Macías, número ao mando dunha unidade destinada na estación de ferrocarril, con motivo da folga dos traballadores dos camiños de ferro e centrada na represión ao movemento obreiro. Acompañábao tamén Gumersindo Salinas, na altura destinado en Baiona e que pasado o tempo foi o responsábel directo da masacre de Oseira.

A Guarda Civil dispara sen previo aviso

A presenza de efectivos da Guarda Civil non fixo decaer a protesta. Malia as versións posteriores do tenente Macías, que tentou exculparse acusando aos manifestantes de non facer caso ás súas ordes de desaloxo, as testemuñas sinalaban que os gardas abriron fogo sen previo aviso, canda as presentes agardaban a falar co alcalde para esixirlle a dimisión de Prudencio Contreras, fechado canda el na Casa do Concello.

A represión tivo un carácter indiscriminado. As diversas descargas efectuadas pola Guarda Civil provocaron ducias de feridos de bala, aos que se deben sumar outras persoas ingresados nos hospitais a consecuencia das cargas con sable. Ao tempo, o gobernador civil incoou no primeiro momento diversos expedientes administrativos a algunha das participantes na mobilización, que non tardaron en ser paralizados ao ser cesado o delegado do Goberno en Pontevedra, con motivo da presión social e institucional.

A actuación das forzas da orde provocou tres mortos. O primeiro deles, Cosme García Pinilla era un mozo de 12 anos, de extracción social moi humilde e que axudaba aos ingresos da casa como vendedor ambulante nas rúas da cidade. O segundo, Rogelio Rey Valiente, natural de Gondomar pero criado na Casa da Caridade de Vigo, traballaba nunha empresa de transporte e só contaba 20 anos. O terceiro, morto unha semana após dos sucesos era un ferreiro de Teis, José Lorenzo Iglesias ferido moi grave polas descargas dos mauseres.

Folga xeral en Vigo

A resposta do pobo non se fixo agardar. A Federación Local de Traballadores de Vigo convocou un paro xeral para o sábado 28 de febreiro que resultou masivo, tras cualificar os feitos como “un crime contra toda a clase traballadora”. As organización sindicais non dubidaron en explicar o acontecido como unha vinganza das forzas da orde, en resposta pola vitoria dos ferroviarios na súa folga tan só uns días antes.

Os traballadores dos camiños de ferro declararan un paro en 8 de febreiro, ao incumprir a empresa as condicións laborais, respondendo o Goberno coa militarización do funcionamento do ferrocarril e a concentración na cidade unidades da Guarda Civil de toda a area de Vigo e Pontevedra para tentar romper a folga, sendo, precisamente, estes números os que executaron a masacre. Finalmente, en 22 de febreiro, coa folga estendida a outras localidades, e empresa viuse obriga aceptar parte das reivindicacións operarias.

A folga xeral de 28 de febreiro en protesta pola actitude das forzas da orde e do Goberno local e estatal resultou un éxito. A xornada de protesta desenvolveuse sen incidentes, paralizándose a actividade no comercio, nas fábricas, na flota de baixura, nos mercados e na propia prensa, razón pola cal non hai excesiva información sobre a mobilización.

Os acontecemento do martes de Entroido de 1903 chegaron ao Congreso. As actas do diario de sesións daban conta dos duros enfrontamentos entre a maioría gobernamental e as forzas da oposición sendo obrigado o ministro a comparecer en diversas ocasións. Malia o compromisos do Executivo estatal de asumir responsabilidades , estas limitáronse a cesar o alcalde de Vigo, Prudencio Nanín, responsábel e protector de Contreras. Porén, os mandos da Guarda Civil non sufriron ningún tipo de castigo, pola contra Joaquín Macías continuou unha carreira de chea de éxitos e ascensos, até acadar o grao de tenente coronel.

Comentarios