Opinión

Marionetas na caverna

Nestes días de confinamento, o mundo redúcese ao que vemos pola xanela, como na parábola da caverna. Tamén niso hai clases, como dicía César Rendueles recentemente . Non é o mesmo que o noso mundo sexa un escuro patio interior que un parque ou unha avenida arborada, ou dispor dun xardín onde os raios de sol nos alimenten o ánimo. Eu estes días quixera estar nunha casiña con vistas ao Cantábrico e ao monte Comado. Non teño esa sorte, e desde a miña xanela podo contemplar os avances dunha construción de catro pisos. Usan un guindastre enorme e entretéñome a ver como carretan os materiais de arriba abaixo. Pregúntome se esa actividade é verdadeiramente imprescindíbel. Imaxino que eses operarios estarán contentos de ir traballar e non ficar na casa cun ERTE. Mais tamén estarán algo preocupados polo risco de contaxiarse ou contaxiaren.

O pasado sábado celebrouse o Día Mundial das Marionetas, unha actividade tan prescindíbel que foi das primeiras en ficar confinada. O teatro de títeres, marionetas, fantoches ou monicreques (todos os termos son válidos, aínda que a RAG non os recoñeza), é a forma escénica máis deostada e marxinal. As súas orixes e natureza populares explican que nunca fose ben vista polo poder. Na Galiza, así e todo, resiste unha boa presada de profesionais consagradas a esta arte irreverente. Nestes días de cuarentena viron suspendidas as funcións que tiñan programadas, moitas delas sine die. Así que este mes estas traballadoras por conta propia non percibirán subsidio nin ingreso ningún. Con sorte, poderán librarse de pagar as cotas de autónomas ou os alugueres. Mais seguen a traballar. Lanzan pequenos vídeos cos seus espectáculos ou con titoriais para elaborar fantoches caseiros, para facer máis levadeiro o confinamento. Aproveitan para tirar ideas de espectáculos para o tempo no que poidamos saír da caverna. Están cansas de que lles digan que na adversidade xorden as mellores ideas. Elas saben que con apoio público tamén poden ser xeniais e críticas. Mentres tanto, seguen a crear, tentando ampliar a xanela desde a que vemos o mundo.

Comentarios