A Mariña saíu á rúa en apoio ao persoal de Alcoa

Miles de persoas tomaron parte na movilización baixo una reclamación unánime: “Alcoa solución”

alcoa manifestacion xove san cibrao cig

Xove encheuse a noite desta cuarta feira de apoio e solidariedade cos traballadores e traballadoras da planta de Alcoa en San Cibrao, cuxo persoal está en vilo após a dirección decidir apagar 32 cubas, reducíndose a produción máis de 10%. Unha factoría que xera máis de 1.000 empregos directos e outros tantos indirectos e sobre a que paira, como recoñece o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, o risco de fechar.

Máis de 3.000 persoas procedentes de diferentes puntos da Mariña tomaron parte na movilización, na que tamén estiveron presentes alcaldes da comarca e representantes de colectivos veciñais e sociais. Un clamor unánime para que se dea solución á problemática desta factoría: Feches non, enerxía solución.

O persoal demanda una tarifa eléctrica que permita competir a producción desta factoría coa doutros países europeos, onde esta é máis barata que a actual no Estado. Por volta de 40% do custo de prodcción nesta planta vén da electricidade.

A decisión de recortar a fabricación de aluminio non colleu ninguén por sorpresa. Á altura do mes de marzo, coincidindo coa aprobación inicial do estatuto que regulará o réxime enerxético das empresas electrointensivas, Alcoa xa ameazou co feche da súa factoría de San Cibrao, denunciando que os custos de produción a facían inviábel.

Segundo os números presentados pola empresa, a fábrica da Mariña xerou durante este ano unhas perdas mensuais de ao redor de cinco ou seis millóns de euros, declarando en 2018 un quebranto na súa conta de resultados de 53 millóns de euros. Os problemas do complexo mariñán son coñecidos desde hai tempo. A negativa da compañía a acometer investimentos na factoría galega non só é un síntoma da falla de interese pola mesma, senón que afecta directamente á súa marxe de beneficios e á continuidade da actividade.

Comentarios