A Mariña reclama en masa un futuro para a comarca

O tempo vaise esgotando e Alcoa debe tomar pronto unha decisión definitiva sobre o futuro da súa planta de San Cibrao, no concello de Cervo e, por extensión, de toda a comarca da Mariña, que hoxe volveu saír á rúa para reivindicar o mantemento da actividade industrial.
Milleiros de persoas participaron na protesta de Burela (Nós Diario)
photo_camera Milleiros de persoas participaron na protesta de Burela (Nós Diario)

Na procura dese futuro para a comarca, e convocados polos sindicatos UGT, CCOO e CIG, milleiros de persoas marcharon polas rúas de Burela baixo o lema "Polo futuro para A Mariña. Industria, infraestruturas e sanidade".

Esta nova mobilización serviu para que a veciñanza da comarca da Mariña apoiasen os centos de traballadores da factoría da multinacional americana en Cervo antes de que Alcoa dite definitivamente o seu veredicto para a planta de alúmina, da que dependen 534 traballadores e as súas familias.

Este 25 de xuño é a data elixida pola empresa para facer efectivo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e dar por finalizado o proceso formal de consulta. 

Na última xuntanza entre empresa e traballadores, Alcoa fechou a porta a calquera alternativa que non sexa o feche da factoría, escudándose na falta dun marco regulatorio e unhas condicións de acceso á enerxía competitivas para as industrias electrointensivas.

O persoal da fábrica de San Cibrao, pola súa banda, insiste na vía da intervención da factoría por parte do Goberno estatal e na procura de posíbeis grupos interesados na adquisición da mesma, pero Alcoa non parece estar polo labor de deixar o camiño libre a un posíbel competidor, que quedaría coa única factoría de aluminio primario que queda no Estado español.  

A CIG denunciou a pasividade dos Gobernos español e galego que "seguen sen pór en marcha as medidas necesarias para garantir a continuidade dos empregos e da actividade produtiva no complexo de San Cibrao".

Fondo de reserva e estatuto electrointensivo

Hoxe pola maña, horas antes da mobilización, a ministra de Industria, Reyes Maroto, anunciou que mañá levaría ao Consello de Ministras a creación do Fondo de Reserva de Garantía para a industria electrointensiva, dotado con 200 millóns de euros anuais, que permitirá acompañar o desenvolvemento dos contratos de compra e venda de electricidade a longo prazo, coñecidos como PPA, con plantas de xeración renovábel. Tamén anunciou que o estatuto electrointensivo vaise aprobar "nas próximas semanas" para dar seguridade ao sector.

Comentarios