A Mariña mobilízase en defensa de Alcoa mentres a empresa considera “inviábel” producir co actual prezo da enerxía

Só un día despois de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) fixese público o calendario e as características do procedemento de poxa para a asignación do servizo de interrompibilidade, A Mariña preparase para unha nova manifestación en defensa do emprego na factoría.

Alcoa
photo_camera Manifestación en defensa do emprego en Alcoa celebrada en Burela. ( Facebook CIG Alcoa)

As rúas de Foz acollerán a partir das 20:00 h desta cuarta feira unha xornada de protesta convocada polo comité de empresa de Alcoa. Os organizadores, amósanse convencidos do carácter masivo da protesta de hoxe,  que dá continuidade ás protestas celebradas con anterioridade nas localidades de San Cibrao, Xove, Viveiro e Burela. A marcha está apoiada pola totalidade das forzas políticas da comarca así como polo conxunto dos goberno locais.

Alcoa, unha “das principais prexudicadas” coa nova na poxa

As fontes sindicais consultadas por Sermos Galiza consideran que “as condicións recollidas no BOE de onte para regular o réxime tarifario das grandes consumidoras eléctricas é un motivo máis para mobilizarnos, xa que hoxe estamos moito máis lonxe da solución”. O comité de empresa da factoría, nun comunicado  emitido após coñecer as condicións da nova poxa eléctrica, non dubida en afirmar que “a situación pasa, se cadra, de ser urxente a unha situación de emerxencia”.

Segundo un comunicado feito público onte  pola dirección de Alcoa “se non reverten a situación a produción do aluminio primario é inviábel en España”

A redución da potencia interrompíbel a poxar, ao se pasar dos 2.340 MW aos 1.000 MW, e a fragmentación dos bloques, tras eliminarse os paquetes de 40 MW, son as principais novidades do novo marco, que aumentará, sen ningunha dúbida, o prezo da factura eléctrica e os custos de produción, nunha empresa que este capitulo representa 40% dos gastos totais.

A “cousa pinta moi mal”

A multinacional estadounidense sinalaba esta terza feira que a planta de aluminio de San Cibrao convertíase nunha “das principais prexudicadas” polos cambios na poxa, ficando nunha situación “complicada” e “é inviábel  sen medidas urxentes  que revertan a situación”. Na mesma liña indicaba que actualmente paga 55,5 euros por megavatio, cuxo custo podería ascender, coas novas condicións da poxa, a 65,5 euros, rematando que “se reduciu de xeito significativo a potencia a poxar. Se non se adoptan medidas urxentes que revertan a situación, a produción do aluminio primario é inviábel en España”.

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao maniféstase nunha dirección semellante. A representación sindical, non dubida en cualificar esta última decisión do goberno “como un auténtico pau”, ao tempo, que solicita, por boca do seu presidente, Xosé Antonio Zan, “ao goberno a tomar medidas xa. É urxente que tome medidas. E o que vimos reclamando desde sempre, desde fai xa anos é prioritario, imprescindíbel, rebaixar a tarifa eléctrica”. As mesmas fontes, recoñecen, a Sermos Galiza, que “a cousa pinta mal pero agora toca pelexar por defender o emprego. Agora máis que nunca é necesaria a unidade e o poio de todos”

Alcoa podería recortar o emprego en San Cibrao

As próximas semanas semellan decisivas para o futuro da planta. O adianto dos resultados económicos do presente exercicio, onde segundo a dirección as perdas roldarían os sesenta millóns de euros, e os recortes de produción executados, coa paralización de trinta e dúas cubas, apuntan a un recorte do emprego, que segundo as fontes sindicais consultadas por Sermos Galiza, podería facerse efectivo a comezos do ano vindeiro.

Por outra banda, a conformación dun novo Executivo, axilizará o remate do novo estatuto para as empresas consideradas  electrointensivas. Se durante a pasada campaña electoral este asunto formou parte da axenda da totalidade das formacións políticas, agora esta por ver como se concreta. Neste sentido, a desconfianza cara as e os socialistas é cada día máis evidente entre a representación sindical, sendo tamén indicativa a importante baixa do PSOE naqueles concellos da Mariña, onde a dependencia económica de Alcoa é máis elevada.

Comentarios