A Mariña sofre as consecuencias económicas do confinamento

Os negocios de hostalaría da Mariña tratan de resistir como poden a un segundo confinamento cando apenas se tiñan comezado a recuperar do anterior. O turismo, un dos motores da comarca, vai salvando a situación á espera de coñecer se o confinamento se vai estender máis aló do presente mes.
Persoas paseando xunto a praia de Rapadoira en Foz (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Persoas paseando xunto a praia de Rapadoira en Foz (Carlos Castro / Europa Press).

A Mariña sumaba até onte 165 casos activos de coronavirus, após confirmarse 21 novos positivos. Trátase do principal rebrote da Covid-19 rexistrado até o de agora na Galiza e un dos poucos que obrigou a decretar de novo restricións para a mobilidade das persoas dos territorios afectados.

Á marxe de leas políticas sobre o levantamento das mesmas para facilitar o voto nas eleccións deste domingo, a realidade é que o brote xa está a pasar factura a moitos negocios da zona, que agardan con preocupación a evolución dos contaxios e eventuais prórrogas das medidas de confinamento decretadas pola Xunta.

Como sinala a Nós Diario o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, Cheché Real, "o dano xa está feito". Segundo relata, a alarma creada polo anuncio do brote provocou un "éxodo absoluto" na comarca que deixou "moi tocado" o sector hostaleiro e turístico da Mariña, e mesmo o do resto dos territorios orientais da Galiza, nos que tamén rexistraron cancelacións por mor do virus. "Non é un problema só da Mariña, senón de Lugo e de toda Galiza", apunta Real.

O directivo tampouco cre que o maior problema para os negocios do sector sexa que non se poida atender nas barras e que os locais dispoñan só de 50% da súa capacidade. "O verdadeiro problema é que o medo fai que non haxa clientela e entendo que medo non debería haber, senón respecto", indica.

Heroes que resisten

Para o presidente dos hostaleiros lucenses o fechamento da comarca é "dunha gravidade enorme", xa que vén pouco despois dun período de tres meses sen case actividade após decretarse o estado de alarma. 

Neste senso, Cheché Real destaca o papel que están a xogar as empresarias e empresarios do sector. "Hai que ter unha caixa de resistencia moi boa para teimar dun negocio nesta situación. Os que seguen abertos teñen heroes detrás".

Respecto do turismo, o anuncio do confinamento levou moitas persoas a marchar antes de tempo e a anular as reservas a aquelas que aínda non viaxaran. A ocupación está preto de 40%, pero as previsións non son malas de cara ás próximas semanas. Con todo, desde a asociación cren que o Goberno español debería prorrogar os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), "mais os que había, non a nova modalidade que veñen de aprobar". Só deste modo se podería mitigar parte do dano infrinxido, di.

Apartamentos vacacionais

Javier Rodríguez é xerente da promotora inmobiliaria Os Molineros. Parte do seu negocio está baseado nos alugueiros vacacionais. Como recoñece a este medio, en canto se anunciaron as medidas de confinamento "houbo xente que marchou porque tiñan medo a non poder volver ás súas casas", mais tamén houbo quen aproveitou para adiantar a entrada. 

"As reservas van por semanas e agora a clientela ten máis información que nos primeiros días", explica Rodríguez, quen apunta que o feito de que o brote estea concentrado no concello de Burela non impide que en Foz, onde posúen a maior parte dos seus apartamentos turísticos, sigan a ter demanda.

A tempada comezou ben para eles. "Na primeira semana de xullo a cousa estaba baixa, pero levamos unha sorpresa despois, xa que as reservas lograron case o nivel do ano pasado". 

As anulacións e cancelacións chegaron co confinamento, pero son optimistas de cara ás vindeiras semanas. "En agosto a xente vai vir igual, porque aquí atópanse seguras. Irán menos aos bares e restaurantes, pero valoran que as praias non estean tan masificadas como as doutras zonas", apunta o xerente dos Molineros. "Todo vai depender de moitos factores", engade. "Se non poden vir, ou se teñen que marchar, devolveráselles o diñeiro ou compensarémolos na reserva do ano que vén, porque eles non tiveron culpa ningunha".   

Mar en calma

Outro dos sectores económicos do que vive a comarca é o mar. O patrón maior de Burela, Basilio Otero, asegura que o brote da Mariña "non está a ter incidencia na xente do mar", xa que o resto de mercados onde colocan o peixe seguen abertos.

No caso da pescada, rexistraron baixadas de prezo, mais eran xa anteriores ao brote pola abundancia das capturas. "Todo segue normal dentro desta normalidade", indica Otero.

Na Mariña, as persoas empresarias confían en que o brote quede controlado canto antes. En caso contrario, as consecuencias económicas poderían ser dramáticas para toda a comarca.

Comentarios