Marilar Aleixandre gaña o Raíña Lupa con ‘A filla do Minotauro’ e convértese na primeira muller en gañar este certame

Marilar-Aleixandre
photo_camera Marilar-Aleixandre

A novela ‘A filla do Minotauro’ da escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XI Premio Raíña Lupa da área de Cultura da Deputación da Coruña. É a primeira muller que gaña o certame de literatura infantil e xuvenil

A obra, titulada ‘A filla do Minotauro’ e presentada co lema Siracusa, relata unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. O xurado destaca “a mestura de tempos históricos” da novela e a súa “relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural”. A través da aventura que protagoniza a obra pódense facer, segundo o xurado, “moitos niveis de lectura”. Ademais, destacan a “calidade literaria da obra” nunha convocatoria cun “alto nivel das obras publicadas”.

O xurado estivo composto por Héctor Cajaraville –gañador da edición anterior- Charo Pita, Antonio Reigosa, Pilar Sampedro e María Solar coa vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta do xurado e a xefa de sección da área, Manuela Muñiz, como secretaria.

O xurado decide seleccionar como finalista a obra ‘Como bágoas de dragón’ da escritora Andrea Maceiras e recomenda a súa publicación. A novela xira arredor do acoso escolar.

Nesta edición presentáronse ao concurso un total de 48 obras, case o dobre do pasado ano que foron 27 as que concorrían ao galardón. A gañadora recibirá 6.500  euros do premio máis a publicación da obra.

En edicións anteriores, gañaron o premio Raíña Lupa os escritores Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.

Comentarios