Imprimir

María Rosa Lojo foi nomeda membro de honra da Real Academia Galega

Redacción | 23 de decembro de 2019

María Rosa Lojo (wikipedia)
María Rosa Lojo (wikipedia)
O pleno da Real Academia Galega nomeu María Rosa Lojo membro de honra o pasado sábado 21 de decembro.

O pasado sábado 21 de decembro, o pleno da Real Academia Galega (RAG) acordou nomear a escritora María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) membro de honra da institución. Filla de pai galego, a investigadora asina numerosos títulos como experta en literatura, así como desenvolve unha ampla obra creativa que a converteu nunha das autoras arxentinas máis internacionais.

En ambos tipos de obras, a súa voz atópase vencellada á Galiza a través das temáticas da emigración e o exilio, na procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como elemento fundador imprescindíbel da súa nacionalidade. Con este obxectivo desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega na Arxentina e en foros especializados a nivel internacional.

Doutora en Letras pola Universidade de Buenos Aires, Lojo foi investigadora principal do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina (Conicet), exercendo actualmente como directora do Centro de Estudos Críticos de Literatura Arxentina.

A súa obra literaria foi traducida a varias linguas e conta con galardóns como o Premio de Poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (1984), o do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California (1999), ou o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas  Premiados Arxentinos.

A autora recoñece a influencia que exerceron as lecturas de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro. Porén, antes diso xa atopara nos relatos orais transmitidos por vía paterna un elemento de identificación que compara ao que na cultura dos mapuches e ranqueis representa o chamado “canto de liñaxe”. Ela propia tense sinalado como a autora contemporánea do seu país “onde a marca galega é máis profunda e perceptíbel, en extensión e intensidade”.

Unha pegada que aparece desde a súa primeira novela, Canción perdida en Buenos Aires al Oeste (1987) até a última, Solo queda saltar (2018), pasando por Finisterre (2006)traducida ao galego como A fin da terra—, Árbol de familia (2010) e Todos éramos hijos (2014). Moitas das publicacións científicas de Lojo abordan tamén a cuestión galega, por exemplo mediante o estudo dos estereotipos galegos, no libro Los ‘gallegos’ en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa (2008).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/maria-rosa-lojo-foi-nomeda-membro-honra-da-real-academia-galega/20191223180125088775.html


© 2020 Nós Diario