II Xornadas de Memoria Histórica. Na loita contra a impunidade

María Ortega: "Galiza é un país con moitos potenciais pero puxéronnos cadeas para non desenvolvelos"

A deputada de Patrimonio de Pontevedra considera que os relatorios foron un éxito e agarda que a actualidade continúe a fornecer temas de debate como o foron este ano a sentenza de Meirás, "a fuxida do rei emérito" ou a declaración de Martín Villa no marco da querela arxentina contra o franquismo.
maría ortega
photo_camera A deputada de Patrimonio, María Ortega, nas xornadas. (Foto: Deputación de Pontevedra)

Este ano houbo novidades respecto á memoria que deron certo pulo ás xornadas. Que destacaría destes dous días de encontro e debate?

A verdade é que as xornadas resultaron moi satisfactorias. Serviron para pór en contacto e reactivar ás asociacións da memoria, que durante este confinamento estiveron un pouco desconectadas. Tamén axudaron a pór en común ideas e opinións de diferentes eidos da memoria: as asociacións, a investigación, a cultura e, fundamentalmente, a reactivación da sociedade civil agrupada nas asociacións.

Foi común esa dúbida sobre como se contou a Transición no Estado español?

Debatéronse e puxéronse enriba da mesa diferentes puntos de vista pero cunha crítica homoxénea sobre a Transición.

Entrou no debate a actualidade?

Hai que ter en conta que estas xornadas comezaron a organizarse en febrero e houbo moitos acontedementos na Galiza e no territorio español. A sentenza de Meirás, a fuxida do rei emerito e a declaración de Martín Villa foron acontecementos que puxeron en valor a realización destas xornadas. Nese sentido a xente foi moi participativa.

Debido ao coronavirus tiñan unha capacidade de asistentes limitada pero habilitaron a retransmisión online. Funcionou?

Primeiro agradecer á xente que estaba inscrita a súa comprensión cando a chamamos para avisar de que non podía asistir. Consideramos que era moi importante retransmitir por streaming, porque contactou xente do País Vasco, de Madrid, de Castela e mesmo doutras partes do país que non se podía desprazar. Tivemos un seguimento bastante importante de máis dun centenar de persoas, ademáis das 60 que estaban no salón de actos.

Con tal resposta, haberá unhas terceiras xornadas? De que van tratar?

Agora son o reto. Peo seguro que hai acontecementos que nos fan seguir con esta reflexión sobre os pactos da Moncloa e o período da Transición como, por exemplo, ver que pasa con Martín Villa despois de saber que grandes representantes do Estado amosaron o seu apoio a este home, a este delincuente, incluso persoas que durante 40 anos foron os referentes no movemento sindical. Aínda que haberá alegacións, tamén hai que analizar se somos quen de que o pazo de Meirás retorne ao pobo xa, malia que sexa cautelarmente…

O Estado tamén prepara unha nova norma da Memoria…

As asociacións da memoria teñen o reto de vixiar a redacción desa nova Lei da Memoria Histórica, que anunciaron a semana pasada que estaban a redactar, para que sexa unha lei que realmente funcione como loita contra a impunidade dos acontecementos que pasaron durante a Guerra Civil, o franquismo e a represión franquista. A Deputación de Pontevedra tampouco se vai esconder nin se vai pór de perfil: seguiremos traballando nesa loita e en falar da verdade do que pasou. E seguiremos insistinto e presionando para que, dunha vez por todas, se reparen as consecuencias do franquismo.

Di que a Deputación ten interese en seguir con este evento. Aínda é preciso? A xente está a esquecer?

Nos últimos anos a memoria e todo o relativo á Transición está saíndo a luz e a sociedade está empezando a mostrar interese pero un obxectivo primordial é que a información que chegue sexa certa e non manipulada. Como comentamos nestas xornadas, o papel dos medios de comunicación naquela etapa, coa transmisión de información ou co silencio, tamén foi importante. Precisamos dunha información certa, crítica e coa que a xente poida saber e crearse opinión propia. Tamén é importante que este tema chegue á xente nova e ás crianzas, e reivindicar o coñecemento desta parte da historia na súa totalidade nos centros educativos: sen censuras e sen maquillaxes. Hai coñecer tanto a historia da Transición como o que supuxo a represión franquista na Galiza.  

Dado que a rapazada non vai a este tipo de xornadas, como pensa logralo?

Se Mahoma non vai a montaña, a montaña terá que ir a Mahoma. Desde as institucións, e neste caso desde a Deputación de Pontevedra, pódense facer outro tipo de actividades máis atractivas e, ao mellor non tan formais como unhas xornadas, para tratar o tema doutras maneiras.

Nas aulas?

Cos seus gustos e sendo creativas. Non só nas aulas pero tamén é fundamental achegar recursos didácticos ao profesorado. Incluso estamos pensando en organizar xornadas sobre memoria para formar ao profesorado que teña interese, sobre todo o da Educación Primaria.

Hai algún outro obxectivo de fondo nesta estratexia?

Pór en valor as ideas que existían no país e que o golpe de Estado lapidou: as ideas e ilusións de moita xente que durante a República loitou e enalteceu o noso país. Cómpre pór Galiza en valor outra vez porque é un país que ten moitas potencialidades e semella que nunha época escura puxéronnos cadeas para non desenvolvelas. Agota temos unha oportunidade de volver a esas ideas.

Falaban estes días dunha explicación “dulcificada” da Transición. É ao que se refire cando comenta que quere que a información chegue ás crianzas sen maquillaxes?

É unha parte da nosa historia que realmente non sucedeu tan doce como a contaron e os feitos o están amosando: as imputacións a torturadores, a impunidade que existe, o papel de Juan Carlos I no franquismo e durante a Transición. É importante falar de todas estas cousas con liberdade, cunha mirada crítica e con capacidade de opinar. Para conquerir unha democracia madura temos que ir falando e cuestionando as cousas que pasaron neste país e que fan que a sociedade actual sexa como é.

Comentarios