María Bouzas: “Prefiro as flores e os chimpíns de Cans ás alfombras vermellas”

A actriz María Bouzas recollerá a próxima sexta fera en Cans o premio Pedigree pola súa “rigorosidade profesional e sólida carreira”. A súa pegada quedará de maneira permanente no Torreiro das Estrelas, ese espazo de privilexio para os nomes máis relevantes do audiovisual. María Bouzas móstrase encantada coa homenaxe que vén dun festival de aldea que ela defende con paixón. A actriz, cunha longa traxectoria en teatro, cine e series televisivas, leva xa tres anos pasando boa parte do seu tempo en Madrid, na rodaxe da serie “El secreto del Puente Viejo”. 

María Bouzas
photo_camera María Bouzas

-Que supón para unha actriz coa súa traxectoria o Premio Pedigree e deixar a súa pegada no Torreiro das Estrelas? 

Encántame!! Formar parte do Torreiro das Estrelas é unha marabilla! Sempre vin Cans como un festival no que realmente se celebran os oficios da nosa arte. Gústame moito máis que eses escaparates recargados que logo están baleiros. As alfombras vermellas son necesarias mais prefiro mil veces as flores e os chimpíns de cans. Sempre vivín o noso como un oficio e non me gusta o star system. Sei que algún produtor me mataría porque é esa parafernalia forma parte de vender a película e considero que é necesaria mais en Cans valóranse as persoas. 

-Cal é o segredo para que a actores e actrices lles guste tanto Cans?

Porque alí podes estar como persoa, non tes que ir disfrazado de ningunha máscara nin obrigado a vender ou promocional. Fas o mesmo mais de maneira máis sinxela, máis achegada á xente. Non digo que os demais festivais non sexan necesarios, que o son, mais en primeiro lugar somos persoas e en Cans Luís Tosar pode estar como Luís, e María Bouzas como María. Noutras ocasións contrólaste máis, alí podes falar con liberdade. 

-Pedigree para unha actriz, directoras en debate... teñen protagonismo as mulleres no festival?

Quedan moitas historias que contar das mulleres, en especial, das de máis de 40 ou 50 anos. Que pasa co xénero feminino, non existe? Alégrame que Cans se lembre das mulleres e habería moitas historias que se poderían narrar, véñenme á cabeza as mulleres recollendo o berberecho ou tirando soas da casa na etapa da emigración.

-A organización di que lle dá o premio pola súa ”rigorosidade profesional e sólida carreira”, que lle parecen as razóns?

O noso traballo é sempre rigoroso. Para que unha personaxe teña un mínimo de consistencia non podes andar polas ramas, tes que ir ao grao e para iso necesitas rigor, disciplina e concreción. Somos máis disciplínados o que a xente pensa, aínda que nos guste a festa. Se componse personaxes non fas e ti mesmo. O de sólida carreira? Tiven tamén moita sorte, que tamén fai falta neste oficio non que non sempre soa o teléfono e agora hai moitísimos compañeiros aos que nunca lles soa. Fun tendo sorte, deixei outras cousas e elixín, cando se podía... Non creo no destino mais houbo unha compoñente de fada que me axudou. 

-O seu nome aparece en Urxa, unha das tres películas que inician a nova etapa do audiovisual galego. Que lle pasou desde entón ao sector? 

En Urxa pasaba por un plano, era figurante especial con texto... mais, mesmo así, lembro aquel momento con moita ilusión. O cine ten moita dificultade de produción. Aí estamos e, aínda que ultimamente non me entero moito porque “Puente Viejo” me absorve moito, polo que vexo truncouse unha evolución pola que iamos por un camiño estupendo. Houbo un freazo mais confío que a nova xeración, na que hai grandísimos talentos, e grazas ás facilidades técnicas que facilitan a produción, que o sector consiga tirar para adiante. Non podemos agardar que nos boten unha man desde as institucións. Sempre estivemos en crise, non estou de acordo que agora se utilice ese argumento para xustificar o abandono do audiovisual. As películas non se poden medir polo número que se fai na billeteira. O noso é un oficio colectivo e temos que ser nós os que consigamos saír desta situación. Talento temos de sobra e digo isto moi convencido polo que vexo e escoito. Debemos confiar en nós mesmos e non agardar polas institucións. Se comprendesen que o noso sector pode non só promocionar Galiza senón tamén dar cartos, ser industria, as cousas mudarían. Aquí seguen pensando que é un entretemento. Anda que non tería unha épica marabillosa este recuncho do Noroeste!! Por falar do xénero épico mais a cotidaniedade mesma daría para moitas historias.  Tamén hai xente que está a facer vangarda. Sempre nos din que somos subvencionados e iso magóame porque porque non hai consciencia social do que son os nosos oficios. Eu estou a traballar once horas diarias, como a maior parte dos actores que temos a sorte de traballar. Non hai conciencia de que isto é un traballo e que poderíamos xerar riqueza para o país. Subvencionado está todo o mundo, por exemplo, quen le un xornal, ou non recibe cartos públicos para iso?

-Coa serie “El secreto del Puente Viejo” convértese nunha das poucas que atravesa a fronteira do noso territorio. 

No meu caso foi a través dun casting, como é case sempre. Fixera outras probas que non saíran mais tamén tivera papeis en películas de fóra de Galiza. Sei que os xefes e xefas de casting teñen enriba da mesa os vídeos da Asociación de Actores e Actrices de aquí mais non sempre é doado. De todas maneiras, hai máis nomes galegos do que se cre aínda tendo unha porcentaxe menor quizais que, por exemplo, os cataláns. O outro día reparei en que os malos de “Águila Roja” e os de “El secreto del Puente Viejo” eran todos galegos!!! Para min, facer de mala é un bombón. Traballar nunha cadea como Antena 3 ten máis repercusións do público. O noso oficio non deixa de consistir en contar historias e emocións. Eu traballaba aquí moi a gusto. A min o que me pode é o guión, a personaxe, o equipo. 

-A televisión ten o poder de facer unha actriz popular. A vostede xa lle acontecera coas series “Pratos Combinados” e “Terra de Miranda”?

De repente acontece iso e pode acontecer o contrario, que ninguén se lembre de ti. Hai moitos actores e actrices marabillosas que non son coñecidas. Nós, que traballamos para o público sentimos como moi gratificante que nos coñezan mais compre ter os pés na terra porque o día de mañá desaparece e ninguén se lembra de ti. Agora estou encantada coa personaxe mais tamén noutro momento me gustou moito Carmela, de “Terra de Miranda”. “Puente Viejo” está arrasando, por exemplo, en Italia e iso produce xa certo respecto. Estar na televisión é como entrar na casa da xente. 

-Con María Bouzas fundara a Compañía de María, unha proposta na que se notaba o ben que o pasaban. 

Estou certa de que cando sexamos velliñas, María e eu teremos unha así preparada. Pasabámolo moi ben. No teatro nótase moito. É importante gozar co que se fai. Nas series tamén o teño pasado de gloria. Lembro secuencias de “Pratos Combinados” nas que tiñamos que parar, o que non era moi profesional, dos ataques de risa que nos daban a Morris e a min. Se o pasamos ben iso chega ao espectador ou ao público desde a pantalla. 

-Ten saudade daquel tempo de cabaret?

Claro que teño!!! Gustaríame volver mais tería que ser con María. É a miña irmá e a miña confidente. Temos pasado de todo e aprendín máis con ela que en Arte Dramático. Por outra parte, o cabaret é un xénero que como non atrapes ao espectador tes un problema, por que non estás nun teatro. Algún día faremos algo así de novo, estou certo. 

-Ademais de continuar na serie, ten algún outro proxecto en mente?

Sendo realista, e dados os tempos, agardo que “Puente Viejo” dure moito tempo. Boto de menos o cine e o teatro mais neste momento temos teño moita letra que estudar todas as semanas!! De todas maneiras, sempre penso que o mellor papel é o que está por vir. O que veña tomareino con ganas e forzas. Gocei nas últimas semanas moito con algo parecido a unha rodaxe de acción e por iso, digo que non me importaría facer unha de piratas!! Ogallá volvan os tempos nos que se apostaba forte por este sector. E que baixen o IVE dunha vez!! Sei que non é o único problema mais é un tema grave. 

-Que ten este oficio para despois de tantos anos continúe a ter esta paixón?

Que te mantén viva, que ningún papel é igual ao anterior. Enriquéceche completamente, cada personaxe obrígache a facer algo distinto ao que es. Tes que poñerte no.punto de mira doutra persoa e iso é enriquecedor. Mantén a ilusión porque, no fondo, segue a ter algo do que recolle a palabra francesa, alemana ou inglesa. Xogo. É un enriquecemento continuo que non deixes que te estanques. Unha emoción viva. A ilusión temos que mantela sempre. Queren que a perdamos mais non o van conseguir. 

Comentarios