Imprimir

'Marear o peixe', 'Morra o conto!': o curso de lingua continúa na lección 15 a mergullarse na fraseoloxía galega

Redacción | 23 de maio de 2020

Reproducimos a seguir un extracto da lección 15 do curso de galego, sobre fraseoloxía galega, que Nós Diario publica hoxe. 'Curso de lingua galega: Mellor uso, máis calidade para o idioma' diríxese a todos os públicos e publícase a diaro nas catro páxinas centrais do xornal impreso.

Marear o peixe

Mareala.

Son expresións que debemos utilizar se quixermos expresar a idea de 'dar voltas sen acabar o que se está a facer' e non *Marear a perdiz

—*Pasou a hora a marear a perdiz e non acabou os exercicios.
—Pasou a hora a marear o peixe e non acabou os exercicio

Matar o tempo

Matar o tempo é a expresíón que debemos empregar se quixermos expresar a idea de 'entreterse, deixar que pase o tempo' e non *Pasar o rato.

—*A miña irmá, na tarde dos domingos, pasa o rato facendo encrucillados.
—A miña irmá, na tarde dos domingos, mata o tempo facendo encrucillados.

Morra o conto!

Botar terra no asunto.  Chegar o defunto á igrexa.

Expresións que se utilizan para finalizar unha discusión ou polémica e non *Borrón e conta nova.*Correr un tupido velo.*Pelillos a la mar.

—*Cada un de vós ten algo de razón. Facemos borrón e conta nova e pasamos ao punto seguinte da orde do día.
 —Cada un de vós ten algo de razón. Morra o conto! Pasemos ao punto seguinte da orde do día.

Como conseguilo?

As persoas subscritoras, ben en papel ben na versión de acceso na nube, terán á súa disposición, nas páxinas centrais de Nós Diario, desde o 5 de maio, o curso de balde. As persoas que aínda non son subscritoras poden facerse ou ben adquirir o diario en papel nos quiosques e puntos de venda habituais por 1,50 euros de terzas a sextas feiras e por 3 euros os sábados (día en que se inclúe o semanario Sermos Galiza) ou ben mercalo para a súa lectura na nube.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/lingua/marear-peixe-morra-conto-curso-lingua-continua-leccion-15/20200522203247098219.html


© 2020 Nós Diario