En Marea sinala a porta de saída ás oito deputadas ‘críticas’: “Que renuncien ás actas ou marchen do grupo parlamentar”

A dirección do partido trasladará á Comisión de Garantías a solicitude de baixa dos 8 parlamentares que apoiaron a opción de José Manuel Sande como senador. Se non renuncian ás actas, pídelles que abandonen o grupo parlamentar. Acusa Podemos de “querer destruír a casa común”.

Escanos oposición Parlamento da Galiza. Debate ILP sobre o galego no ámbito socioeconómico. 19 de decembro de 2017.

A dirección de En Marea trasladará á Comisión de Garantías a solicitude de baixa dos 8 deputados e deputadas que formalizaron esta terza feira a proposta de José Manuel Sande como candidato ao Senado, en contra do criterio mantido polo partido de que fose Mariló Candedo, eleita nas primarias convocadas pola formación liderada por Luís Villares. Este foi un dos anuncios que realizou Ana Seixas, viceportavoz de En Marea, que compareceu apoiada por outros tres integrantes da Coordinadora.

Non foi esta a única decisión da Coordinadora trasladada por Seixas á imprensa. A viceportavoz informou que En Marea pedirá a eses e esas parlamentares que renuncien ás súas actas. De non facelo, sinálalles a porta de saída: “Que abandonen o grupo parlamentar, pois non representan este proxecto”. Un anuncio que, de facto, supón a expulsión da organización destes deputados e deputadas.

Preguntada sobre se esta decisión afectaba tamén Eva Solla, vicepresidenta do Parlamento e que se abstivo nas votacións para designar senador, Ana Seixas evitou pronunciarse. Esta sexta feira ás 13:30 horas finaliza o prazo para apresentar candidaturas para a designación dos tres escanos que lle corresponden ao Parlamento galego no Senado. Que vai facer Luís Villares? “A candidata de En Marea é Mariló Candedo”, concluíu Seixas.

A viceportavoz situou este desencontro en canto á designación do senador no “afán de destruír as confluencias” do Podemos saído “de Vista Alegre II”. Fixo reconto de desavinzas do que cualificou como “acoso e derribo” dos de Pablo Iglesias contra En Marea: O caso de Paula Quinteiro, o apoio dos e das parlamentares de Podemos en En Marea aos orzamentos do Estado que definiu como “infames” para Galiza ou a negativa destas congresistas de “render contas” perante o partido. “Podemos quixo ficar con todo e destruír a casa común”, engadiu.

Chegou acusar o partido de Pablo Iglesias de “golpismo político” polas tentativas de “interferir” nunha organización “soberana” como é En Marea e insistiu en que o apoio de deputados e deputadas de En Marea a Sande é “transfuguismo político”.

Os parlamentarios que apoiaron a Sande foron os cinco integrantes de Podemos -Luca Chao, Paula Quinteiro, Marcos Cal, Carmen Santos e Julia Torregrosa-, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez; Manuel Lago e Ánxeles Cuña. 

Comentarios