En Marea retoma as primarias esta fin de semana coa incógnita de se Podemos participará

O Comité electoral fixa as votación entre as 9h do sábado 22 de decembro e as 9h da segunda feira, 24.

plenario en marea

Máis un capítulo na crise de En Marea e sen que ninguén se atreva a asegurar se será o derradeiro. Äs 22:30 horas desta cuarta feira o Consello das Mareas (maioría villarista) decidía que, após o visto bo da comisión de garantías ao novo sistema de votación, si que se daban as condición para retomar as primarias. “Emprázase as inscritas a votar durante a vindeira fin de semana. Os horarios de votación serán de 9h do sábado 22 de decembro ata ás 9h do luns 24 de decembro. Os locais de votación serán publicitados polas canles habituais de En Marea, mañá xoves día 20 de decembro entre 19h e as 20h”, informabn a través dun comunicado.

A noticia chegaba após unha tarde movida, na que tres dos alicerces do sector crítico enfrontado a Villares, emitían cadanseu respectivo comunicado: Anova, Esquerda Unida e Podemos. Os tres moi duros para coa dirección actual de En marea e para con Luis Villares. “A actual dirección de En Marea fracturou primeiro o espazo do cambio e agora está violentando todos os seus órganos co obxectivo de controlar o proceso electoral para favorecer á súa propia candidatura continuista”, indicaba Podemos Galiza no seu escrito

A formación que lidera Gómez Reino aseguraba que “até que non se reciba a información solicitada [auditorías] e até que non se conte coa certeza plena de que eses procedementos van celebrar con todas as garantías de limpeza, transparencia e equidade non hai elementos para ningún proceso electoral interno”. Unha afirmación que deixa interrogantes sobre se participará ou non nas primarias. Desde Esquerda Unida lamentan a “irresponsabilidade da dirección saínte de En Marea que como resposta e expresión dunha derrota política é quen de poñer en perigo aos procesos de confluencia”. Anova partilla os reproches á dirección que fan EU e Podemos, e demanda que se “poida votar con limpeza e respectando a vontade das inscritas e inscritos expresada no Plenario do 27 de outubro”.

Comentarios