En Marea demanda rescatar a democracia para impulsar un cambio no Estado

Os cabezas de lista da candidatura pechan a campaña cun mitin unitario en Vigo, acompañados dos alcaldes das mareas, facendo un chamamento a transformar a euforia colectiva en votos o 20D.

peche campaña En Marea


As candidaturas de En Marea puxeron fin á campaña electoral cara o 20D cun mitin unitario. No acto celebrado no Auditorio Mar de Vigo, os catro cabezas de lista fixeron un último chamamento ao voto para “liderar o cambio no Estado español desde Galiza”. Estiveron acompañados polos alcaldes das mareas municipalistas e polo líder de Anova.

O número 1 de En Marea ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez-Reino, asegurou que o próximo domingo “é o momento de demostrarlles que o cambio está xa aquí e non hai quen o pare”. Gómez-Reino pediu ao electorado a dar un último paso. “É o voso momento, o momento de liderar o cambio político e social, de lembrarlles algo que teñen esquecido: que é o pobo quen máis ordena”.

Para a cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, a candidatura de En Marea “é o noso espazo, un espazo galego e diverso”. Fernández sinalou que ese espazo foi “concibido, percibido e vivido para rescatar á democracia daqueles que pretenden roubárnola” e dixo que vai “facer historia e mudalo todo”.

Pola súa banda, o número 1 por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello, reclamou que En Marea sexa “unha forza política de acción” e non de “resistencia”. Fernán-Vello reivindicou que a coalición de forzas está na “vangarda da actuación, da participación cidadá e da intelixencia colectiva”.

“Percíbese no ambiente, vese nas vosas caras que xa gañamos, que xa non hai marcha atrás”, di David Bruzos

David Bruzos, cabeza de lista por Ourense, apelou á euforia colectiva. “Percíbese no ambiente, vese nas vosas caras que xa gañamos, que xa non hai marcha atrás”, salientou Bruzos, que engadiu que “non imos deixar pasar de largo este tren, nunca máis, e agora imos a subir e coller o mando para decidir entre todas cal vai ser o próximo destino”.

No mitin unitario participaron tamén as número dous pola Coruña e Pontevedra, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez. “Podemos facer que o pobo goberno, podemos gobernar, podemos gobernar mellor”, dixo Rodríguez. Na mesma liña falou Díaz, que pediu á militancia “a que movades a toda a vosa xente para  gañarlle ao Partido Popular". 

As e os candidatos de En Marea estiveron apoiados polos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol, que puxeron en valor unha nova forma de facer política e chamaron a continuar o camiño aberto nas municipais o próximo 20 de decembro."Únenos unha maioría social esmagada,á que non lle deixan levantar a cabeza,q vai votar en masa este domingo", asegurou o rexedor coruñés Xulio Ferreiro.

"Estamos aquí porque somos capaces de que a infantería cívica, sen outra arma máis que a palabra, poida vencer", pechou por último o acto o coordinador nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras.

Comentarios