En Marea logra o senador malia a escisión do grupo parlamentar

A marcha de catro deputados, entre eles Luís Villares, ao grupo mixto, non impedirá a En Marea lograr o senador por designación autonómica ao que tiña dereito como segunda forza. Os servizos xurídicos do Parlamento alegan que o trámite de elección foi aberto antes da ruptura.

SANDE
photo_camera [Imaxe: Concello da Coruña] José Manuel Sande

A escisión producida no grupo parlamentar, coa marcha de Luís Villares, Paula Vázquez Verao, Davide Rodríguez e Pancho Casal ao grupo mixto, non provoca a perda do senador por designación autonómica ao que tiña dereito En Marea como segunda forza do Parlamento.

Malia ficar agora como terceiro grupo no Hórreo, por detrás de PP e de PSOE, os servizos xurídicos da Cámara consideran que En Marea debe manter ese senador. Argumentan que o proceso de elección comezou antes da escisión, co cal, José Manuel Sande, ex concelleiro de Cultura da Coruña pola Marea Atlántica, será elixido senador.

Nun comunicado recollido no portal web do Parlamento así se pon de manifesto: “A tramitación da proposta para a elección dos senadores autonómicos toma como referencia a configuración da Cámara no momento no que se deu inicio ao procedemento, na Mesa e Xunta de Portavoces do pasado 18 de xuño. A tramitación e votación continuará o seu curso con independencia dos acontecementos internos que se poidan producir a partir da data de inicio do procedemento para salvagardar a seguridade xurídica. A medida foi adoptada seguindo o criterio indicado polos Servizos Xurídicos do Parlamento de Galicia”.

Acompañarán a Sande como senadores por designación autonómica dúas persoas da confianza de Alberto Núñez Feixoo, a ex portavoz do PP en Vigo e ex conselleira de Facenda, Elena Muñoz, e o ex alcalde de Ourense e o ex conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.

A votación das propostas terá lugar o próximo día 25 de xuño. Haberá só unha papeleta cos tres nomes e as deputadas e deputados só poderán votar a favor ou absterse.

Como ficará o reparto de escanos?

Tras a saída dos catro parlamentares do grupo de En Marea, a composición do Parlamento galego quedará da seguinte maneira: PP 41; PSOE, 14; En Marea, 10; BNG, 6 e o grupo mixto, 4. O novo reparto de escanos non será efectivo até a convocatoria do seguinte pleno, ao se formalizar na mañá da sexta feira, día 21.

Comentarios