En Marea eríxese como “a alternativa ao PP” na Galiza

Após coñecer os resultados electorais, os candidatos e candidatas de En Marea, que se fixo cun total de 6 escanos no Congreso e de dous senadores, erixiron a coligazón como “a alternativa ao PP” na Galiza. “O cambio xa non hai quen o pare”, afirmaron.

No fin de festa, En Marea puxo de manifesto que irá “a pola Xunta”. “É Feijóo ou nós”, proclamou Antón Gómez Reino, número 1 pola Coruña, que salientou “o fito histórico” que supón lograr “por vez primeira” un grupo parlamentar galego no Congreso. Na mesma liña, a número 2 pola Coruña, Yolanda Díaz, asegurou que a candidatura se pon en marcha “desde xa mesmo” para “derrotar o PP nas eleccións galegas”.

O candidato número 1 por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, destacou a importancia de “obter un deputado, un deputado nacionalista de esquerdas, un deputado internacionalista”. “Para Lugo significa un paso adiante no protagonista da xente, porque este deputado non é máis que un transmisor e un representante da voz da cidadanía”.

David Bruzos, cabeza de lista por Ourense, proclamou “a fin da época de Baltar”, mentres que o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, apelou á “intelixencia” para formar un goberno alternativo ao PP. “Galiza está á vangarda da confluencia”, afirmou o portavoz de Anova, quen subliñou que En Marea obtivo a mesma porcentaxe de votos de En Comú Podem.

Comentarios