Convención electoral en Compostela

En Marea comprométese a apoiar “unha maioría social de progreso” tras o 28-A

A convención electoral de En Marea para o 28-A sintetizouse nun compromiso: o partido que dirixe Luís Villares comprométese a apoiar unha “maioría social de progreso”. Ao tempo, presentou un programa electoral con “299 medidas urxentes para Galiza”.
 

en marea candidatos
photo_camera O portavoz de En Marea Luís Villares (primeira fila, no centro), con candidatas e candidatos da formación ao Congreso e ao Senado. Foto: En Marea.

A formación afirmou que “traballará para conformar unha maioría alternativa en clave democrática nas institucións do Estado, pero priorizando as necesidades e os investimentos para Galiza”. Segundo expuxo Villares no encontro deste sábado en Compostela, a súa intención é facelo “sen conceder ningún cheque en branco”. “Non deixar ninguén atrás”, “ampliar dereitos e fomentar investimentos e a cohesión social” ou “oportunidades para que os que marcharon poidan volver e os que non naceron poidan facelo” son elementos que salientou como parte do “contrato social” que propón.

Villares tamén presumiu da “coherencia” da súa organización, “o maior aval para estas eleccións”. Rodeado de candidatas e candidatos ao Congreso e ao Senado, pediu “a confianza de galegas e galegos” para converter Galiza “nun espazo de convivencia e oportunidades”. Emprego, infraestruturas e as “potencialidades” do país foron os eixes do seu discurso. Falou da AP-9, da necesidade de que Galiza asuma máis competencias ou do saneamento das rías.

“Non nos resignamos a formar parte da España baleira, da España pobre”, dixo, “queremos xerar renda e riqueza, emprego e benestar. E non permitiremos que sumar para os demais supoña restar para nós, como aconteceu co último orzamento do Estado, que reduciu o investimento en Galiza un 40%”. A maiores, o portavoz de En Marea asegurou que o seu proxecto “recolle o espírito do 8M e do 15M”.

O cambio climático, a derogación das reformas laborais, o pequeno comercio, a morte digna, as kellys ou as redeiras tamén apareceron no seu discurso da convención decorrida en Compostela este 6 de abril.

Comentarios