O nomeamento precisa dunha maioría de tres quintas partes do hemiciclo. O PP recabou o apoio do PSdeG para obter ese quórum. As outras forzas da oposición lamentan teren sido ninguneadas e critican a conservadores e socialistas por volveren ás andadas dos "erros do bipartidismo".
Esta sexta feira, reuniuse a xunta de portavoces no Hórreo e na xuntanza fixouse para a vindeira cuarta feira o pleno de designación de Fernández Galiño.
Nunha primeira avaliación, o portavoz do grupo parlamentar de En Marea, Manuel Lago, declarou: "É intolerábel o reparto de cargos entre o PPdeG e o PSdeG, reeditando o bipartidismo que elixu a anterior valedora". Por súa parte a viceportavoz nacionalista Olalla Rodil afirmou: "Despois de ter desoído durante meses a petición do BNG de cese da valedora, agora [o PP] quere facer unha renovación a fume de carozo e sen negociación nin diálogo".
Luis Villares, do grupo mixto, anunciou a súa oposición ao nomeamento de Fernández Galiño xa que, dixo, non é un nome representativo dunha idea ampla e consensuada. Lamentou o “mal comezo” do socialista Gonzalo Caballero no Parlamento ao ir buscar consensos na dereita para pactar co PP o nome da persoa que ocupará a Valeduría do Pobo.