GARZóN QUEíXASE DE QUE SE ATRIBúA A PODEMOS A HIPOTéTICA DEPUTADA DE EU

En Marea apresenta Pablo Iglesias nun cartaz como se fose o seu candidato á presidencia do Goberno

Pablo Iglesias aparece no cartaz do mitin de En Marea como candidato á presidencia do Goberno. Non aparece vinculado á marca Podemos. No acto que realizou na faculdade de Económicas da UDC, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirma que "imos ter un presidente con coleta".

Cartaz Marea


En Marea apreséntase a esta campaña formalmente como unha formación política distinta a Podemos e como unha candidatura galega, doutro xeito non podería aspirar a grupo parlamentar, e na realidade é unha coligazón que inclúe dous partidos estatais que teñen os seus propios candidatos a presidencia de Goberno: Pablo Iglesias (Podemos) e Alberto Garzón (Izquierda Unida).

Pois ben, non parece que En Marea garde neutralidade a ese respeito. Así, no cartaz que editou En Marea para convocar o mitin desta cuarta feira na faculdade de Económicas da UDC aparece Pablo Iglesias -en tipografía moi destacada a respeito dos demais oradores- como "candidato á presidencia do Goberno". Non aparece a palabra Podemos, co cal se dá a entender que o é de En Marea.

É máis. No curso do acto, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirma, segundo recolle en twitter @vocescoruna, que "imos ter un presidente con coleta", en alusión indubitábel ao líder podemita. No cartaz, en caracteres miúdos, aparecen os logos de Podemos, Anova, Esquerda Unida e Marea Galega.


Esta terza feira, Alberto Garzón queixouse amargamente nunha entrevista na SER de que o propio Pablo Iglesias -e a maioría dos meios- atribúan á conta de Podemos as e os hipotéticas/os deputadas/os que obteña En Marea, situando pois entre elas a Iolanda Díaz, coordenadora nacional de Esquerda Unida.

Comentarios