En Marea aposta nas renovábeis para un plan industrial para As Pontes e Ferrolterra

Luis Villares considera que posibilitaría unhas “expectativas de futuro” para evitar a emigración destas comarcas.

En Marea as pontes

Unha delegación de En Marea co seu portavoz nacional á cabeza, Luis Villares, reuniuse esta segunda feira co comité de empresa de Endesa nas Pontes, unha xuntanza na que destacou a oportunidade e importancia de apostar nas “enerxías renovábeis” centradas na “eólica mariña” como para alicerce para un plan industrial para esta zona e Ferrolterra.
 


O portavoz de En Marea reiterou o compromiso explícito de En Marea de derrogar as dúas reformas laborais impulsadas nos últimos anos a fixo fincapé tamén na aposta da formación por impulsar unha “transición enerxética xusta”. Neste sentido, Luís Villares denunciou a falta de investimento dos fondos Miner, que o PP mantén paralizados dende 2012. “54 millóns de euros incomprensiblemente paralizados, que En Marea considera imprescindíbel activar con urxencia”.


“Afondar nas enerxías renovábeis e apostar na reciclaxe e formación das traballadoras e traballadores é esencial porque non queremos que a fin da ciclo da vida de determinadas centrais leve á emigración da poboación da comarca”, dixo Luis Villares.


Pola súa banda, Pancho Casal, da candidatura de En Marea pola Coruña, puxo o foco na necesidade de aproveitar e poñer en valor os recursos e a man de obra especializada coa que Galiza conta actualmente. “Quérennos convencer de que Galicia ten que ser un país pobre e que o progreso ten que ir cara ao Mediterráneo, Madrid ou o País Vasco, e hai que romper con esta dinámica”.

Comentarios