Marcos Abalde: “Temos medo de ser galegos porque non queremos ser agredidos”

A aniquilación. O espolio. O sometemento. Son os temas de fondo de ‘Alcatrán’ e ‘O tsunami’, o poemario e a peza dramática cos que Marcos Abalde vén de gañar, respectivamente, o premio Johan Carballeira de Poesía e o Abrente de Textos Teatrais.

marcosabalde

‘Alcatrán’ fala da aniquilación dun pobo, mais tamén de esperanza. Por que?

Chegamos ao 2020 cun grao de destrución e sufrimento do pobo galego moi acusado, sobre todo da sociedade rural. Xa levaba uns cantos anos falando da historia obreira de Ferrol e desta volta sentín a necesidade de explicar a historia labrega do Xistral. Hai historias de resistencia e dignidade sorprendentes en contextos moi difíciles, cunhas políticas económicas de espolio que fan imposible mesmo a propia reprodución biolóxica da poboación porque faltan as condicións materiais.

A descrición do proceso colonial podería ser a de calquera outro lugar, de feito.

Si. É como se vivísemos ancorados no século XIX. Un exemplo son os montes comunais: como as comunidades foron expulsadas do seu aproveitamento… E así foi tamén como naceu o capitalismo en Estados Unidos, ou Inglaterra, ou o mesmo que pasou en África… As formas de sometemento, de anulación da alma indíxena, son as mesmas. O ensino en Galiza hoxe é unha institución colonial que actúa como se non tivésemos un nome, un pasado, unha historia. Co franquismo toda a sociedade civil que se fora construíndo desde o século XIX desapareceu e con ela a memoria da historia obreira, republicana, se queres feminista… A reconstrución desa historia é recente e a violencia e o negacionismo, brutais. 

“O ensino en Galiza hoxe é unha institución colonial que actúa como se non tivésemos un nome, un pasado, unha historia”

O léxico do poemario está moi coidado. Os versos son como sentencias… Por que?

É o idioma da montaña. E estou falando deste poemario dunha maneira moi intelectual, pero para min é moi íntimo, porque o que tentei foi facer de intermediario entre a miña filla e a súa bisavoa. É a lingua dunha xente non escolarizada que a usa cunha vontade de estilo. Teñen unha expresión moi coidada. Un galego insubmiso á converxencia co castelán, que non ten medo de mostrarse. Porque iso é o que pasa moitas veces: temos medo de ser diferentes, de ser galegos, porque non queremos ser agredidos. O galego non é, en realidade, unha lingua oficial. É unha oficialidade subalterna, como dicía Carvalho Calero.

As mulleres son moi protagonistas no poemario. Algún motivo especial?

A bisavoa foi quen me ensinou a comprender de maneira máis profunda a dignidade de todas as formas de vida. Onde nós vemos un prado, unha masa verde, un deserto verde, ela sabía nomear os distintos tipos de herbas cos seus poderes, as súas propiedades. Porque tiñan un xeito de vida moi contraditorio co capitalismo que mostraba unha resistencia moi forte ao desprezo, á obxectivización, á mercantilización de todo.

A civilización foi exterminio. O progreso é falso. É outra idea que se repite no poemario.

No franquismo enchían a boca falando dos anos de paz, mais non hai paz, non hai progreso nin benestar, o que hai é unhas condicións laborais salvaxes e uns índices de suicidios, de alcoholismo, de desemprego e de empobrecemento brutais. E se a autodenominada democracia non chega á economía é que non temos democracia. Vivimos no Antigo Réxime.

Non idealizar/ a carencia, di un dos versos. Nin o rural, en xeral.

Deixoume moi sorprendido un cartaz de Vox que dicía “Galicia é campo”. Que é iso, propaganda para os turistas? O rural é espolio, é privación material e espiritual. Todo o país está cheo de aldeas abandonadas. As vagas migratorias continúan. É un maltrato diario, unha violencia física, psicolóxica e simbólica. E na aldea tamén hai loita de clases, ricos e pobres, superviventes e resistentes e moita dignidade antifascista. Mais a visión idealizada e colonial é a que interesa vender. A experiencia material da maior parte da poboación é a carencia. A Arcadia é para os ricos. E, canta máis desconexión coa terra, máis aceptación do espolio: Ence, os eólicos, os eucaliptos...

“A experiencia material da maior parte da poboación é a carencia. A Arcadia é para os ricos”

Como en ‘O tsunami’. Como xorde Nessie, o protagonista desta peza?

É a primeira vez que tento escribir unha comedia. Dunha comicidade perversa porque Nessie é un tipo chungo. Estamos gobernados por psicópatas coma el. E é todo un delirio, unha fantasía, unha pornografía social: os partidos escollen os peores porque son os únicos que aguantan aí. Mais todo é farsa, mentira, esperpento.

Por que a escolla da lagoa das Pontes?

Impactoume moito vela e ademais é verdade que fora Feixoo inaugurala. É un símbolo do delirio en que vivimos. Estou fascinado co tamaño da lagoa e impactado pola destrución que supuxo: a mina que se tapa coa lagoa. Había parroquias debaixo que quedaron asolagadas. É a normalización da aniquilación.

En ‘Alcatrán’ hai moita contención no verso. Un cambio quizais na escrita....

Hai moita depuración, si. Foron catro anos de traballo. Cada vez vou depurando máis, facendo máis “arte povera”: menos é máis. Ademais, estou canso de ler libros pouco traballados… Eu son obsesivo e podo corrixir moito.

Comentarios