Opinión

As Marchas volven a Madrid o 21 de marzo

Comentaba Xulia Alonso, representante da plataforma de persoas afectadas pola Hepatite C, que lle gustaría agradecer a súa concorrencia nas Marchas e a oportunidade de falar e poder expresar as inquedanzas do seu colectivo con dirixentes como os do SAT ou coas voces máis progresistas da cultura, como Willy Toledo.

 

Comentaba Xulia Alonso, representante da plataforma de persoas afectadas pola Hepatite C, que lle gustaría agradecer a súa concorrencia nas Marchas e a oportunidade de falar e poder expresar as inquedanzas do seu colectivo con dirixentes como os do SAT ou coas voces máis progresistas da cultura, como Willy Toledo. Pero a verdade,e entendémola á perfección, é que non se presta a situación para moitas celebracións e menos cando o que se ten diante é a morte chamando a porta da casa. Como a propia Alonso sinalou no gran acto celebrado esta semana no Centro Cívico de Teis polas Marchas da Dignidade, o que lles acontece é consecuencia directa dun determinado tipo de políticas que teñen máis a ver co mercado que co beneficio xeral da sociedade. A aparición dun medicamento novo para lle facer fronte a esta desgraza máis do que unha salvación convértese nun pesadelo para quen leva tantos anos agardando a que chegase un momento coma ese. Falamos dun fármaco que podería salvar a un 95% das persoas doentes e do que non se fai de uso público efectivo por unhas supostas negociacións durante nove meses cun laboratorio e unha listaxe de espera en función do designio dunha panda de criminais no goberno. Un auténtico disparate e un sen sentido que corroboran, como ben se dixo ante medio milleiro de asistentes que presenciaron ó acto do barrio obreiro vigués, que o virus máis mortal, e que o padece todo o mundo, é o capitalismo.

"Sobran razóns para volver tomar Madrid no 2015 coas Marchas da Dignidade e a Columna Galega proponse seguir propiciando un labor inxente por facer valer a filosofía coa que foi concibida esta plataforma: unir a tódolos sectores e movementos sociais agredidos da clase traballadora". 

Sobran razóns para volver tomar Madrid no 2015 coas Marchas da Dignidade e a Columna Galega proponse seguir propiciando un labor inxente por facer valer a filosofía coa que foi concibida esta plataforma: unir a tódolos sectores e movementos sociais agredidos da clase traballadora. Contrariamente ó que o sistema está a vender, non só non se saíu da crise senón que mesmo se empeorou. A pobreza acada xa o 30%  e, aínda que as taxas de desemprego estean situadas nun alarmante 24%, a unha familia non lle é dabondo con ter traballo para saír do estado de carestía económica e marxinación social. Non mentres non sexa quen de cubrir as necesidades das súas crianzas ou se o banco deixa estas persoas na rúa. En Galicia perden a súa vivenda 7 familias ó dia. Son 300.000 persoas as que están rexistradas no paro, 650.000 as que se atopan en situación de exclusión social e destas 120.000 viven arestora inmersas na plena pobreza. 

Para botar por terra a vía insurreccional ante tanta calamidade, o goberno argalla a Ley de Seguridad Ciudadana e a reforma do Código Penal cando non se fai delirar á sociedade co fenómeno yihadista favorecendo un novo pacto antiterrorista para tratar de manter no rego toda resistencia popular. Tense dito de forma bastante atinada que non hai peores fascistas a prol de España e máis a favor do esmagamento do proletariado polo órganos de represión que os oriúndos dos territorios das nacións sen estado. Pensemos en Manuel Fraga, MayorOreja, Franco e outros. Hai practicamente dúas xornadas, cando as Marchas tiñan o proceso encarrilado para tomar de novo a capital do Estado, a ministra de Fomento intervén cunha decisión política para rachar cos acordos entre a Renfe e a organización da plataforma das Marchas da Dignidade. Desbaratábase así a planificación da Columna Galega para chegar a Madrid nun medio de transporte tan cómodo como é o tren.

Aínda que unha desleigada como Ana Pastor non sinta o máis mínimo pudor en machucar as clases populares galegas, insistimos en que volveremos a Madrid a xuntarnos coas columnas das distintas nacións e territorios do Estado e chantaremos unha cuña máis que contribúa ó derrubamento do réxime borbónico. Hai fretados nestes momentos máis de trinta autobuses, ademais de vehículos particulares, e  sairán de Galicia queira ou non queira o goberno do Partido Popular e a pesar dos seus plans de desestabilización, infiltración ou de disturbios autoprovocados por axentes camuflados e toda clase de hoolligangs con placa como os que tiraron, hai uns meses, o afeccionado do Deportivo da Coruña ó Manzanares causándolle a morte.

"Non vai ter lugar rebelión cívica ningunha se non se toma a rúa, por moito que se ouvee nos mitins e naqueles encontros válidos unicamente para que saían tres relambidos no photocall. Aí non imos atopar a xente da Hepatite C, nin as vítimas dun ERE nin as persoas detidas por oporse a un desafiuzamento". 

Se sobran razóns para continuar activando as dinámicas de mobilización permanente non fan falla as explicacións para conducir esta loita que non vai levar a cabo nos palacetes con oratoria politiqueira barata nin consumando a traizón sindical nos despachos. Non vai haber cambio de ciclo sen unha actitude insurxente e activa. E non vai ter lugar rebelión cívica ningunha se non se toma a rúa, por moito que se ouvee nos mitins e naqueles encontros válidos unicamente para que saían tres relambidos no photocall. Aí non imos atopar a xente da Hepatite C, nin as vítimas dun ERE nin as persoas detidas por oporse a un desafiuzamento. O que é útil é seguir apostando pola vía obreira e da unidade deixando sempre as portas abertas a todo o mundo.

No medio dunha deriva social e económica como a que padecemos, vimos de conmemorar o 10 de marzo, día da Clase Obreira Galega, e o vil asasinato das dúas rosas do Ferrol de ferro. A súa memoria acompañaranos na loita obreira galega e na de todo o Estado como internacionalistas que somos. Nós non esquecemos. Asasinados en 1972, no medio da rebelión organizada contra o Franquismo, foi o ano no que tamén ardeu Vigo como volvería acontecer en incontables batallas polo poder obreiro. As causas que perseguía a clase traballadora coetánea de Amador e Daniel, lembremos a xornada de 8 horas, e que levaron ó seu fusilamento, non son tan distintas das que nos traen hoxe aquí ou das que nos van mover por Madrid dentro duns días. Se cadra son peores as circunstancias actuais con xornadas interminables de traballo, un Salario Mínimo Interprofesional irrisorio e o “despido libre” por catro patacos a persoal traballador cunha antigüidade de trinta anos. Esa é a triste realidade.

A convocatoria do 10 de marzo conmemorando a heroicidade destes compañeiros ten  hogano un valor engadido se entendemos, por un lado, que estamos en débeda coa loita anti-franquista e que mantemos, queirámolo ou non, un cordón umbilical que nos liga de vez á loita pola defensa do republicanismo e dos dereitos de todo o proletariado. Non falamos de contextos tan distintos cando as distintas faccións se uniron contra o Ditador e cando agora as Marchas da Dignidade preconizan a unidade popular e obreira contra os ditados do capitalismo e da oligarquía, veñan de Madrid ou de Bruxelas. E non estaremos a falar de contextos tan dispares, tampouco, cando unha vez máis o sentido común dos sectores populares e da clase traballadora culta procura reagrupar e reunificar as loitas para facer tremer o sistema. Esa é hoxe a tarefa e o exemplo que están a dar as Marchas, ademais porque outros non o van facer. E nós, coma no 72, tomamos a resolución de botar a este réxime e de sermos libres.

"As Marchas da Dignidade preconizan a unidade popular e obreira contra os ditados do capitalismo e da oligarquía, veñan de Madrid ou de Bruxelas"

A Madrid non se vai só a mover bandeirolas, senón que hai que estar nos termos nos que se presentou a Columna Nacional Galega no 2014: tomando a clase traballadora como suxeito central e entendendo que sen o seu concurso e, sobre todo, sen sumalo ó das demais faccións, non se conseguirá a liberación nacional nin a social. Nós queremos tombar o réxime e imos golpear nas institucións. Temos o pouso dun periplo de loita ininterrompida en pequenas mobilizacións coordinadas co resto do Estado ou noutras máis portentosas como o Rodea o Parlamento do 21X ou cando se ateigou a Praza do Obradoiro o 29N. Humildemente, imos a Madrid cos deberes feitos, a mochila ben cargada de moita aprendizaxe e experiencias compartidas cos movementos sociais e co sindicalismo alternativo máis dispar que nos determinan a seguir firmes pola vía unitaria e obreira. Sen unha vertebración nestas claves é imposible pensar na quebra democrática.

Con todo, nas nosas análises viñemos advertindo nas concentracións que convocamos na rúa, nos centros de traballoe nas asembleas celebradas nas nosas sedes, da inminencia de certos perigos. E cremos que non nos trabucamos poñendo neles o punto de atención para evitar calquera alteración da folla de ruta decretada polas Marchas. Por un lado, a persistencia no enfoque sectorial e na táctica minifundista que o único que conseguen é abocar a transformación social ó fracaso. Por outro, constatamos que ó írmonos achegando a períodos electorais hai quen se equivoca abandonando a dinámica de compromiso coa mobilización para lle dar prioridade á actividade municipalista que non poucas veces se está a transformar, se se nos permite, en paracaidismo electoral. En calquera caso resulta difícil de crer que, prescindindo da panca da mobilización social, dende os concellos se lle vaia dar cobertura e solucións á maioría agredida. Poden ter claro que non vai haber salto real das candidaturas populares ós Concellos renunciando á mobilización como a que exemplifica hogano a plataforma que representa Diego Cañamero. É necesaria unha catarse cultural e política que encamiñe a toda a sociedade civil a centralizar as loitas facendo da mobilización unitaria unha arma e unha estratexia clave no derrocamento da burguesía e dos distintos aparatos que a sosteñen.

"Volvamos a Madrid onde o pobo galego ten unha responsabilidade histórica na xesta compartida e resolta a lle pór fin ó réxime borbónico".

Hoxe

Comentarios