Marcha indíxena a Quito para exixir un reconto de votos ante a suposta fraude

Escaso marxe de diferenza entre o segundo e o terceiro candidatos, Guillermo Lasso e Yaku Pérez.
yaku_perez
photo_camera Pérez, saudando, quedou fóra da segunda volta das presidenciais (Foto: Pachakutik)

A Confederación de Pobos da Nacionalidade Kichwa do Ecuador (Ecuarunari) convocou unha marcha desde o sur do país cara á capital, Quito, para exixir un reconto dos votos da primeira volta das eleccións presidenciais que se desenvolveron o 7 de febreiro ante supostos indicios de fraude.

A agrupación indíxena reclamou ao Consello Nacional Electoral (CNE) que se abran as urnas en 17 das 24 provincias do país para realizar un reconto voto a voto. Á convocatoria sumouse a Confederación de Nacionalidades e Pobos Indíxenas da Costa Ecuatoriana (Conaice). De acordo coa información difundida por Ecuarunari, a mobilización denomínase "Marcha pola Paz en Democracia" e partiu de Loja, provincia situada no extremo sur do país, fronteiriza co Perú.

A marcha seguirá a través da rexión Sierra de Ecuador cara ao norte, onde espera sumar máis manifestantes. Hoxe tiñan previsto chegar a Azuay, hoxe a Cañar, mañá a Chimborazo, e nos días seguintes a Tungurahua e Cotopaxi, para alcanzar Quito na vindeira terza feira tras máis de 600 quilómetros.

Segunda volta

O CNE emitiu o informe final dos resultados con 99,93% das actas escrutadas, deixando o indíxena Yaku Pérez, que nun inicio finalizara segundo candidato máis votado, en terceiro lugar. Isto é, fóra da segunda volta electoral prevista o 11 de abril.

O candidato do movemento Pachakutik tería obtido 19,38% dos votos, lixeiramente por baixo do empresario Guillermo Lasso (19,74%), apoiado polo movemento conservador CREO. Lasso enfrontaríase desta maneira ao candidato correísta, Andrés Arauz, que se fixo co maior número de sufraxios

Pérez e Lasso lograron un acordo na pasada sexta feira para que se realizase un reconto parcial de votos, que prevía unha revisión do 100% das actas na provincia de Guayas, a máis grande do país, e de 50% das actas noutras 16 das 24 provincias ecuatorianas. Porén nos últimos días o acordo foi posto en cuestión. 

Apoio á dereita

"Non imos renunciar á resistencia legal e social xamais", afirmou Pérez nunha conferencia de prensa en que tamén desbotou a posibilidade de dar apoio a Lasso nunha segunda volta. "Nin soñen que imos apoiar a delincuencia organizada de Lasso, nin soñen que para evitar que veña [Rafael] Correa ao Ecuador teñamos que apoiar ao feriado bancario e a corrupción do señor Guillermo Lasso... somos os únicos que podemos gañar", manifestou Pérez.

Comentarios