Galiza perdeu nestes anos 20% da súa frota pesqueira e 40% das súas mariscadoras

Entre 2001 e 2017 perdéronse nas rías galegas máis de 2.700 empregos no marisqueo a pé. Desde 2004 até agora a frota de Galiza ficou sen 1.200 embarcacións.

Mariscadora

No sector do mar de Galiza hai unha profesión extractiva onde as mulleres son rotunda maioría: o marisqueo a pé. É un traballo duro, que pasa factura tras anos de faenar inclinadas ou coa auga polos cadrís para coller ameixa e berberecho, principalmente: reumas, lumbalxias e unha longa lista de doenzas.

A comezos de século había en Galiza 6.551 persoas con Pemex, permiso de explotación, para traballar ao marisqueo a pé. Na actualidade son 3.797, o que supón unha caída de 42%. Perdemos nestes anos 2.754 postos de traballo no marisqueo a pé.

Das case 3.800 mariscadoras que hai na actualidade, case a metade teñen máis de 51 anos de idade mentres que apenas 185 teñen menos de 30 anos. Unha situación que dá idea do avellentamento deste sector produtivo feminizado do mar galego.

Frota

Unha frota pesqueira sen parangón en Europa, como era a galega, certifica ano tras ano a súa perda de barcos e tripulacións, nun descenso constante e continuado que deixa pegada nomeadamente na frota artesanal que faena no interior das rías.

No 2004, e segundo dados oficiais da propia Consellaría do Mar, había en Galiza rexistradas 5.565 embarcacións. Agora son 4.372. Iso significa 1.193 barcos menos, unha perda de máis de 20%. Cada cinco días, pois, a frota galega perdía un dos seus barcos.

Comentarios