Os manuscritos de Rosalía presentados pola RAG botan luz sobre o posíbel libro “Postrimerías”

Son varios poemas en español e un galego para sumar ao escaso corpus de manuscritos de Rosalía. A Real Academia Galega presentou na súa sede varios documentos con poemas escritos a man da escritora, algúns inéditos, nun acto no que se deitaron novas interpretacións sobre o fin literario da autora que estaría nos seus últimos días a escribir o libro en español “Postrimerías”.

.
photo_camera .

O secretario da Academia Galega, Henrique Monteagudo máis a profesora e investigadora Mª Xesús Lama foron os encargados de facer públicos os manuscritos da autora de “Cantares Gallegos”, uns documentos que o presidente Xesús Alonso Montero, cualificou de “valiosísimos”. 

Da man de Henrique Monteagudo coñeceuse un poema manuscrito inédito en galego,que pertencería á súa primeira etapa poética. O poema foi achado no proceso de preparación dun álbum rosaliano con pezas escritas da súa man co que a institución buscaba participar na conmemoración do 150 anos de Cantares Gallegos. Segundo o secretario da RAG, o manuscrito fora depositado no Arquivo Municipal da Coruña polas fillas de Rosalía. “Este texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos", indicou Monteagudo que situou a escrita na década de 1870. 

O derradeiro libro que non foi 

En canto aos textos manuscritos en castelán, proceden do propio Arquivo da Real Academia Galega e foron maiormente publicados no libro “En las orillas del Sar”. Arredor deles, a investigadora María Xesús Lama destacou que o último dos manuscritos é o que deita nova información sobre a historia literaria de Rosalía xa que, segundo sinalou, deixa á vista a intención da autora de publicar un novo libro de poesía en castelán que respondería ao título de “Postrimerías”. "Sen embargo, nese título de Postrimerías, delatábase a conciencia da autora de que sería o derradeiro", explicou.

“Son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosa que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente", afirmou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que tamén participou na presentación. 

A RAG disponibiliza na súa páxina un documento no que se recollen os ínéditos manuscritos e os textos explicativos de Henrique Monteagudo e María Xesús Lama. 

Comentarios