Os Nomes do Terror

Manuel Pazos: "A represión, dun modo ou doutro chegou a todos"

Manuel Pazos Gómez (Marzoa-Oroso,1962), é un historiador galego que ten debullado a represión na comarca de Ordes en traballos como 'Censo das mortes violentas na comarca de Ordes(1936-1952)'.  Protagoniza unha nova achega sobre os vitimarios no coleccionábel Os nomes do terror en Nós Diario

Manuel Pazos
photo_camera Manuel Pazos

Sinala no seu artigo, que “a brutal represión nos días posteriores ao 25 de xullo en Ordes está relacionada cos precedentes políticos que se deran no concello durante a II República”, que destacarías dese período?. 

Ordes, Mesía, Oroso eran un fervedoiro revolucionario durante a república, tanto a nivel político, como sindical, social e cultural. Aquí estaban asentadas as delegacións moi activas de todos os partidos da esquerda republicana e dos partidos socialista, comunista e galeguistas así como os sindicatos obreiros e sociedades agrarias. Existían líderes sólidos da Fronte Popular como García Gerpe, Gómez Carneiro e os representantes da Fronte Popular no concello a partir das eleccións de febreiro de 1936 dándolle a volta a todo e desartellando as redes caciquís municipais. Consta que estas redes caciquís da dereita funcionaban moi ben, pero dentro do que globalmente podemos encadrar como a esquerda, existía unha rede paralela de contrapoder, que apostaba pola república e pola democracia e que, coas armas, resistiu ao golpe de xullo de 1936. E isto non lle gustou aos golpistas, aos que tiñan as armas, aos militares, á  Garda Civil, aos da CEDA, que poucos eran. Os anteriores exterminaron a democracia matando a quen pensaba diferente ao amparo do bando de guerra de xullo de 1936 no que os cidadás son sometidos á xurisdición militar, polo que se produciu unha represión inmediata, brutal, exemplarizante en forma de paseos, procesos militares con condenas de morte e encarceramentos. A intensidade da represión na bisbarra queda reflectida nas catorce causas abertas contra cidadáns inocentes coa escusa de “salvar a España”.

Ordes, Mesía ou Oroso eran un fervedoiro revolucionario durante a república

Leva traballando moitos anos sobre a represión nas terras de Ordes, cal foi o alcance da represión e que significaría da lóxica represiva nos primeiros anos do franquismo?

A asociación Obradoiro da História de Ordes leva traballando na recuperación da memoria da comarca desde o 1996. Un ano máis tarde, nun caderno editado sobre o acontecido durante Segunda República na vila, xa se deron os nomes e apelidos dunha decena de persoas implicadas na represión. Así que coido que somos dos primeiros na Galiza en dar nomes de vitimarios…

Ordes era unha vila relativamente tranquila e dun día para outro pasou a ter once veciños da vila, a seren condenados a pena de morte e executados en Boisaca despois dunha farsa de xuízo. E os paseados e encadeados, primeiro no cárcere de Ordes e despois nos baixos de Raxoi en Compostela. Na Alameda de Ordes oíanse os berros dos presos ao seren torturados.Todas as persoas vinculadas a partidos de esquerda que tiveran algún protagonismo permanecían aterrorizados nas súas casas agardando que non petase na porta o garda civil José Pérez ou algúns dos matóns de Ordes.Pola contra, outras persoas perseguidas fuxiron das súas casas e xa non volverían.Mesmo os militantes da dereita tradicional sentían aberración ao saber dos actos horrendos protagonizados pola Garda Civil, os falanxistas e os matóns de Ordes.E non só as mortes, os escarmentos públicos como rapar o pelo ao cero e facer desfilar polas rúas de Ordes a persoas afectas á República. A represión, dun xeito ou doutro chegou a todos e a todas. O sometemento militar, dos poderes públicos, da Igrexa, co crego Ramón Mosteiro pregoando desde o púlpito que aos fillos dos roxos había que matalos. En fin o terror foi unha forma de control e de asegurar o futuro duns e a morte física e ideolóxica doutros.

Achégase na súa investigación ao aparello represivo, sinalando a funcionalidade dos diversos actores, a grandes trazos cal foi o papel da Garda Civil, a igrexa e as milicias fascistas?

En Ordes todo se realizou co amparo e cobertura da Garda Civil, do delegado de Orde Pública e do gobernador da Coruña que permitiron todas as atrocidades que se realizaron. Neste apartado se temos que dar nome de quen levaba a iniciativa, dámolos. Por exemplo, do aparello militar, o garda José Pérez que era pouco máis que omnipresente. Pola banda da igrexa, o odio sementouno o párroco da vila, un fascista chamado Ramón Mosteiro que coñecía ao detalle cada familia de Ordes. Á Falanxe uníronse, por exemplo, José Liñares ou Manuel Caramelo, uns “sanguinarios” que segundo fontes orais violaban e mataban sen ningún remordemento. Dentro dos burócratas está Antonio Moar Veiras, avogado, xuíz municipal, concelleiro da CEDA, acusador, chivato da garda civil e das milicias constituídas por persoas precisamente con pouca formación política e ideolóxica que aproveitaron o momento para facer limpeza matando, como lles ordenaba o réxime; eran vulgares asasinos, vingadores, persoas ruíns. Como dicía Luís Pimentel, capaces de furar con agullas os ollos dos paxaros.

A represión vai vivir outra etapa na comarca de Ordes na segunda metade da década dos 40 e nos primeiros 50 ligada á persecución da guerrilla, como explica o peso cuantitativo e cualitativo da oposición armada ao franquismo nesa comarca?

Todo ten relación. Se a represión no 1936 está directamente relacionada cos acontecementos que acabamos de contar no Ordes republicano, a actividade guerrilleira foi máis intensa nesta zona debido, primeiramente, a que moitos republicanos e demócratas tiveron que refuxiarse no monte ou en casas alleas como única forma de sobrevivir e, segundo, a única resistencia real ao réxime estaba no enfrontamento armado contra a Falanxe, a Garda Civil e o Exército español.Temos que decatarnos do contexto histórico daquelas datas, co PC apoiando a guerrilla e formando os seus cadros políticos e cando se contemplaba que a Europa liberada do nazismo non ía permitir un réxime fascista pero os anos pasaron e xa sabemos como rematou todo. Mais si, na bisbarra de Ordes chegaron a actuar catro destacamentos da IV agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza, con Ponte, Foucellas cuns 20  guerrilleiros da comarca e centos de enlaces que resistían e deixaban en evidencia ás forzas represivas.

Na comarca de Ordes toda a represión se realizou co amparo e cobertura da Garda Civil, do delegado de Orde Pública e do gobernador da Coruña

Que diferenzas presenta o operativo represivo aplicado contra a guerrilla do levado adiante nos anos posteriores a 1936?

Nesta época a persecución contra os guerrilleiros foi constante coa única finalidade de sacarlles a vida. Como sabemos, o réxime ditatorial foi creando un corpus xurídico con leis cada vez máis restritivas cos dereitos das persoas. Sen embargo o modelo represivo diferenciase da inmediatez aplicada nos meses posteriores a xullo de 1936; este era máis psicolóxico: o medo, as malleiras, torturas, multas, saqueos, rexistros en casas dos posíbeis enlaces. Podemos apreciar que nos anos máis combativos da guerrilla na comarca entre 1946 e 1948, os falanxistas perden protagonismo e é a Garda Civil quen capitanea a persecución dos Foucellas e dos enlaces, ás veces cruelmente a través das contrapartidas que actúan como vándalos, cometendo todo tipo de atropelos para desprestixiar a causa guerrilleira.

Outra das grandes diferenzas da represión destes anos en comparanza coa inmediata de 1936 é un modelo represivo propio da comarca de Ordes, os desterros. A Garda Civil, coa autorización do Goberno Civil e a complicidade do xefe do posto de Ordes, ordenaron e executaron o desterro de familias enteiras de guerrilleiros a terras de Castela.Non lles permitiron levar nada, abandonados á súa sorte en terras estrañas, mesmo houbo persoas que faleceron no desterro. 

Pilar Pallarés pregúntase nun verso se alguén virá a salvar os nomes dos que sufriron tales humillacións que quedaron impunes.O Obradoiro da História está a investigar estes desterros e mesmo visitamos as localidades de Burgos, Valladolid, Soria.para saber máis deles, porque as testemuñas aínda vivas estremecen.

Comentarios