Manuel Gago descobre os deuses dos castros no proxecto transmedia “Vento e Chuvia”

O autor di que levaba vinte anos detrás do proxecto e iso xa lle dá solemnidade ao anuncio. Manuel Gago sorprende achegándose aos deuses dos castros no proxecto Vento e Chuvia. Un universo mítico que Gago descobre tras as pedras dos castros nun libro tras o que agroma un mundo “transmedia” para narrar a vida na Idade do Ferro. 

Manuel Gago
photo_camera Manuel Gago

Reue Bandua, Nauia, Cossue, Lugoue, Berobreos, Poemana, Bormanico... nomes novos que protagonizan as historias de Vento e Chuvia (Xerais) un proxecto no que o autor leva traballando dúas décadas mais que só agora se desvela, da man dun dos maiores divulgadores da nosa historia. O autor domina con igual paixón o pasado e as novas tecnoloxías e con esas materias constrúe o novo proxecto que procura a vida e os mitos da Idade do Ferro achegados a un público que vive no tempo dixital. 

“Quero buscar a eses homes e mulleres, a eses pais e fillos, a eses nenos que un día encheron e que hoxe son espazos baleiros sobre os que aboian turistas e curiosos”, sinala Gago no seu blogue "capítulo 0", no post no que presenta o proxecto e nos remite a súa páxina web, o espazo virtual propio no que alén de materiais achéganos a un proxecto máis amplo no que inclúe desde obradoiros até unha tenda con produtos creados cos deuses dos castros como protagonistas. 

Unha mitoloxía propia, coas casas redondas como hábitat e a Idade de Ferro como o tempo reconstruído da man tamén de Manel Cráneo que lle pon imaxe aos protagonistas. “Dez prodixiosos deuses que poboaron os mitos da antiga Gallaecia cobran vida nun universo con alicerces nos últimos descubrimentos da arqueoloxía e das ciencias do pasado pero sobre o que voa ceibe a imaxinación e a fantasía, enchendo con soños os ocos baleiros da ciencia”, explica do agardado proxecto que se presentará na igrexa da Universidade de Santiago o próximo día 30 de outubro ás 20 horas. 

Deuses no escenario

Quico Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González participarán neste estrea de “Vento e Chuvia”. Será a primeira vez que este novo mundo de deuses se presente mais adianta, sen dúbida, unha maré nova de difusión á maneira de Gago, sen dúbida todo un fenómeno á hora de comunicar á historia como ten demostrado en proxectos anteriores. Entre as estratexias de difusión, Gago adianta un contacto directo con lectores e lectoras, que accederán mediante un código inscrito no libro a contidos pechados.  Bocetos, maging of, facsímiles dos manuscritos, roteiros familiares dos escenarios do libro... constitúen o amplo e elaborado proxecto no que Gago empregou todas as ferramentas que manexa nos seus traballos de difusión do noso patromonio. 

Obradoiros sobre a Idade de Ferro para o ensino, un espectáculo teatral, merchandising cos deuses... todo un novo mundo que avanza Manuel Gago e que aos poucos se irán poñendo en circulación no seu “concepto transmedia” que descubrirá un novo universo fantástico, o dos deuses que poboaban as casas redondas dos castros.

 

Comentarios