Solidariedade

Manifestacións simultáneas en Catalunya e Hong Kong “pola liberdade e contra a represión”

O Global Times, tabloide centrado en temas internacionais que pertence ao Diario do Pobo (periódico oficial do Partido Comunista de China), respondeu cun vídeo no Twitter no que cuestiona a “dobre vara de medir de Occidente cara á violencia e os disturbios” nun e noutro lugar.

hong-kong@JessiePang0125
photo_camera Unha imaxe da concentración en Hong Kong desta quinta feira. Foto: twitter @JessiePang0125

Centos de cidadáns e cidadás de Catalunya e de Hong Kong realizaron esta quinta feira, 24 de outubro, unha manifestación conxunta como mostra de solidariedade mutua. As persoas concentradas portaban pancartas nas que se podían ler lemas como “A autodeterminación non é delito”, “Liberdade presos políticos” ou “A represión non nos parará”, escritos en catalán e cantonés.

china

A manifestación de Hong Kong contou coa presenza da presidenta da Assemblea Nacional Catalá (ANC), Elisenda Paluzie, mentres que a catalá, organizada pola ANC e Picnic pola República, levouse a cabo diante das portas do consulado chinés en Barcelona. A poucos metros desta concentración, outro grupo tamén se manifestou para defender a pertenza de Hong Kong á China.

Ao respecto, o xornal Global Times, tabloide centrado en temas internacionais que pertence ao Diario do Pobo (periódico oficial do Partido Comunista de China), respondeu cun vídeo na súa conta de Twitter cuestionando a “dobre vara de medir de Occidente cara á violencia e os disturbios” en Hong Kong e Catalunya. Isto é, criticando o que considera a criminalización do Estado chinés e a defensa do español, nomeadamente nos principais medios de comunicación anglosaxóns.

 

Ademais, esta mesma quinta feira, o Parlament de Catalunya aprobou unha moción presentada por ERC –co apoio de JxCat e, parcial, da CUP– na que se denuncia que a xestión do presidente do Tribunal Supremo, Manuel Marchena, “é máis propia dun sistema xudicial autoritario que dunha democracia”. A proposición tamén esixe a paralización do traslado de axentes da Policía Nacional á Catalunya “co único obxectivo de crear un clima excepcional” e “limitar os dereitos de protesta”.

politicas-sentenza

Análise da sentenza

Por outra banda, Mar de Lumes, Erguer e a ANC-Galiza anunciaron a organización para a vindeira terza feira, 29 de outubro, dunha mesa de análise xurídica e política da sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès na Facultade de Ciencias Políticas da USC, en Compostela. Será a partir das 19 horas e contará coa presenza do avogado Héctor López de Castro.

Comentarios