"Nin ilegalizacións, nin encarceramentos. Xuízo político contra o independentismo galego" era o lema da faixa que encabezou a manifestación deste domingo en Compostela. Varios centos de persoas participaron na marcha que partiu da Alameda compostelá, camiñou até a esquina do Hórreo e transistou posteriormente polas rúas do casco vello até chegar á Praza de Praterías.
Foi alí que Elvira Souto, membro de Esculca e histórica militante nacionalista e loitadora contra a represión, fixo unha intervención en que, tras retrotraerse á loita antifranquista, chamou a seguir loitando na actualidade polas "liberdades democráticas plenas". Un discurso que foi secundado polo artista Baldomero Iglesias Dobarrio Mero, outro histórico do nacionalismo galego.
A manifestación nacional deste domingo foi a culminación dunha intensa campaña, que contou co apoio do espectro político, sindical e asociativo do país, alén de numerosas personalidades da política nacional e internacional. A pluralidade ideolóxica da solidariedade expresada durante estes anos volveuse mostrar entre os participantes na marcha.
Portaban a faixa que a encabezaba Paulo Carril, secretario xeral da CIG; Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova; Aurora Domínguez, nai do preso Eduardo Vigo; Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Xosé Luís Rivas Cruz Mini, deputado do BNG no Parlamento nacional; Verónica Hermida, de Podemos; e Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres.
Que é a Operación Jaro?
En 2015, a Garda Civil activou un operativo policial coa detención nos seus domicilios de nove militantes de Causa Galiza, alegando supostos vínculos "terroristas". Como consecuencia inmediata, a organización ficou ilegalizada durante 12 meses. Tres anos despois tamén son detidos outros tres militantes de Ceivar, que son integrados no sumario común.
Esta segunda feira, 19 de outubro, a Sección Terceira da Sala do Penal da Audiencia Nacional comeza a xulgar os 12 militantes das dúas organizacións. Enfróntanse a penas de cárcere que suman 102 anos, e que oscilan entre os catro e os 12 anos para cada un dos xulgados. Están acusados de "enxalzar" e "xustificar" o terrorismo por ─segundo argumenta a defensa─ facer un "traballo político ou de solidariedade con represaliados" ademais de por organizaren actos de memoria histórica independentista ou participaren en recibimentos de presos e presas.
A Fiscalía solicita ademais que as dúas entidades, Causa Galiza e Ceivar, sexa disoltas. Tamén se piden multas por un valor total de 348.000 euros, así como a inhabilitación para traballar nas administracións públicas e a suspensión do dereito a poderen participar nunhas oposicións ou ser candidatos nun proceso electoral.
O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca elaborou recentemente un relatorio no que debulla as acusacións contra os 12 independentistas. Este informe xurídico conclúe que foron quebrantados "múltiplos dereitos fundamentais" dos acusados de Ceivar e Causa Galiza.