Continúan as mobilizacións contra as deslocalizacións de R-Cable

A resposta por parte da Xunta en relación a este conflito é a convocatoria, horas antes, dunha reunión da secretaria xeral de Emprego co comité de empresa.

Protestas contra a deslocación en R [Imaxe: CIG]
photo_camera Protestas contra a deslocación en R [Imaxe: CIG]

A deslocalización de servizos de R Cable, en maior medida cara Asturias e Euskadi, e a falta de resposta da Xunta e a empresa a esta situación é o motivo da convocatoria dunha grande manifestación para esta terza feira na Coruña. Os sindicatos CIG, UXT, CCOO e CXT solicitan a paralización inmediata do traslado de servizos e emprego fóra da Galiza.

Óscar Calvo, secretario de organización de CIG-A Coruña, explica a Sermos Galiza que a única novidade destes días foi unha proposta de reunión para esta cuarta feira 23 de outubro por parte da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca. “Asistiremos aínda que nós a reunión que queremos é coa Xunta e con R Cable”. Calvo sinala que non teñen máis novas da empresa de telecomunicacións desde unha nota no mes de agosto na que se desvinculaba desta problemática.

O persoal das empresas afectadas está a ver como se suceden os traslados de servizos a outras partes do Estado sen que lles dean ningunha solución. “Esta cuarta feira deixaremos de facer noites, fins de semana e festivos”, explica Daniel Argüelles, delegado da CIG en Indra. “Determinados servizos, como son os de vixilancia, xa non se fan na Galiza”.

Sindicatos e persoal afectado por estas medidas agardan que a manifestación teña incidencia abondo como para que Xunta e empresa “actúen”, en palabras de Daniel Argüelles.

Comentarios