CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Mandy', terror onírico e psicodelia

Nicolas Cage appears in <i>Mandy</i> by Panos Cosmatos, an official selection of the Midnight program at the 2018 Sundance Film Festival. Courtesy of Sundance Institute.  All photos are copyrighted and may be used by press only for the purpose of news or editorial coverage of Sundance Institute programs. Photos must be accompanied by a credit to the photographer and/or 'Courtesy of Sundance Institute.' Unauthorized use, alteration, reproduction or sale of logos and/or photos is strictly prohibited.
photo_camera Nicolas Cage, nun fotograma do filme

MANDY

(EUA-Bélxica-Reino Unido 2018, 121 min.)

Dirección: Panos Cosmatos

Guión: Panos Cosmatos e Aaron Stewart-Ahn

Fotografía: Benjamin Loeb

Música: Jóhann Jóhannsson

Elenco: Nicolas Cage, Andrea Riseborough, Linus Roache, Ned Dennehy, Bill Duke, Richard Brake, Olwen Fouéré, Line Pillet

 

SINOPSE

Red e Mandy viven felices e namorados nunha cabana no bosque lonxe do mundanal ruído. Un día o líder dunha seita encapríchase de Mandy e ráptaa tras invocar uns motoristas do inferno. A vinganza de Red estará á altura das circunstancias...

 

CRÍTICA

Ganas terríbeis de ver este filme de terror realizado por Panos Cosmatos —si, o fillo de George Pan Cosmatos (Rambo II, Cobra)— e protagonizado polo pluriempregado Nicolas Cage que, de tantos filmes que fai ao ano, algún tería que saírlle ben... Este é un.

 

Un críptico texto inicial en vermello, que mestura morte e rock and roll, fai de perfecta antesala do que vai vir a continuación. O filme está dividido en tres actos. No primeiro coñecemos a parella formada por Mandy (Andrea Riseborough), unha debuxante de banda deseñada amante do heavy metal e das novelas fantásticas, e Red (Nicolas Cage), un leñador que está toliño polos seus ósos. Viven nunha idílica cabana no medio do bosque. Son felices. Quérense. O segundo acto é, obviamente, para o conflito. O líder dunha seita chamado Jeremiah (Linus Roache), aínda que ben podería chamarse Charles Manson, quere que lle traian a Mandy a toda costa, así que a rapta tras invocar uns motoristas do inferno. O terceiro acto queda reservado para o repertorio de caras de tolo de Nicolas Cage e toda a imaxinaría máis trash.

 

Unha transición da calma chicha máis melindrosa á furia máis descarnada e violenta. Un fermoso soño convertido nun pesadelo igual de fermoso... pero no reverso. Amor, vinganza, violencia e terror son as patas da mesa que sustentan unha historia con reminiscencias a filmes como Hellraiser (1987, Clive Barker), Mad Max (1979, George Miller), Heavy Metal (1981, Gerald Potterton), Veludo azul (1986, David Lynch), Seven (1995, David Fincher), Pulp Fiction (1994, Quentin Tarantino) ou Dhogs (2017, Andrés Goteira) pasados, iso si, pola peneira surrealista do Alejandro Jodorowsky de A montaña sagrada e máis a psicodelia do Nicolas Winding Refn de The Neon Demon. Aí é nada... Ah, e moita atención ao anuncio publicitario fake, ao estilo Paul Verhoeven, que de seguro firmaría unha versión post-adolescente de Peter Jackson (Mal gusto, Braindead). Son as risas...

 

Se todo isto aínda non che espertou a comechón para bulir ao cinema a vela antes que a quiten, que saibas que obtivo o premio á Mellor Dirección en Sitges. E o certo é que se o filme funciona tan ben é en gran parte pola alucinante estética que desprega Panos Cosmatos. Salvo a secuencia inicial do bosque, que é da máis normaliña, todo o filme semella irreal, onírico. Destaca un coidadoso tratamento de imaxe, case ata o extremo, nun xogo constante de luces e mestura de cores conceptual e simbolista. Axuda á apuntalar a extravagancia unha música psicodélica ad-hoc, composta polo finado Jóhann Jóhannsson (nomeado ao Óscar en dúas ocasións) —e a quen vai dedicado o filmeasí como algunha que outra grata sorpresa musical, como a presenza de King Crimson na banda sonora. Tamén resultan moi rechamantes a forma de falar das personaxes, tan pausadas como cheas de frases para a posteridade.

 

Mandy é moito máis que Nicolas Cage con cara de tolo... É toda unha lección de como facer cinema de xénero arriscado, mantendo a cinefilia e sen descoidar ningún dos aspectos da produción. Interpretacións, música, fotografía, trama, efectos especiais, mortes bizarras... Todo mola en Mandy.

Comentarios