Opinión

(Man)teñamos o plan

Recentemente o goberno da Xunta de Galiza, a través da SXPL, deu a coñecer ao público un Plan de dinamización da lingua galega 2019-2022, entendemos que lexítimo herdeiro doutro anterior, presentado e difundido nas súas redes co mesmo nome, mais con mudanza na cronoloxía de actuación (2018- 2022). Ano arriba, ano abaixo, o caso é ter un plan ou, cando menos, falar del!

A razón de ser deste plan xustifícase na necesidade de deter o proceso de desgaleguización nesta altura en que, como ben sabemos, está a conducir o noso idioma propio á irrelevancia social no presente e á quebra definitiva da transmisión xeracional no futuro. Recóllese a necesidade de coordinación interna e implicación de todo o goberno galego para coa execución deste plan, así (en plan ) como de participación de organismos referentes como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras (innomeadas) organizacións específicas da mocidade, a cultura e o voluntariado.

Como antecedentes este novo (?) Plan (e veña plan ) enumera o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, o Plan Estratéxico 2010-2013 ou o Plan Estratéxico de Xuventude 2014-2016, nos que resulta facilmente comprobábel a data de caducidade próxima ou xa superada – non só de consumo preferente–, mais de cuxas avaliacións nada soubemos para faceren pé e achantar os piares seguintes. Mais xa sabemos que o importante é colocarmos no foco mediático un plan, ou dous, ou tres…

Ben é certo que tamén nesta proposta se apela de xeito recorrente ao Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento galego en 2004, mais certificada a súa defunción en 2009 coa chegada ao goberno (e ao poder do desgoberno) do señor Feijoo e o seu equipo ideolóxico desgaleguizador.

Neste sentido, sorprende que a operación de maquillaxe habitual practicada no último decenio para as cuestións de política lingüística se converta, nesta reviravolta mediática, noutra intervención de cirurxía estética ao pretender asentar os principios deste novo (por reiterado intento) plan no diagnóstico de puntos fortes e febles detallado no PXNLG para a situación do galego na mocidade daquela altura, isto é, hai exactamente tres lustros.

Precisamente nestes tempos en que todo é tan volátil, corre e muda de xeito imparábel, o punto de partida sociolingüístico resulta reseso ou mesmo xa anacrónico (se cadra como a propia vontade lexisladora). Acreditar en que o diagnóstico do coñecemento lingüístico, usos e actitudes que representaba a mocidade en 2004 é un retrato sociolingüístico actual, resulta cando menos cuestionábel.

A xustificación do plan nace “pola necesidade de fomentar e propiciar o seu uso entre a xente nova que xa ten competencias lingüísticas en galego” e a estratexia estará focada a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. Descoñecemos de onde proceden os datos empíricos do goberno galego que permitan confiar, como punto forte de partida, nesa categórica competencia lingüística consolidada en galego, que non observamos na realidade das aulas nin na realidade social que nos acompaña, pois este goberno leva incumprindo desde o 2010 o propio mandato do seu Decreto 79/2010, que se autoobrigaba a, “con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar” avaliar os resultados derivados da aplicación deste decreto.

Unha avaliación dun “decreto de plurilingüismo” da que nunca soubemos, curso tras curso, cando por primeira vez en democracia se prohibiu o galego como lingua de aprendizaxe e coñecemento en materias do ámbito científico, tecnolóxico e matemático, ademais de facilitar que as poucas que eran de impartición obrigada en galego, no ámbito humanístico e social, puidesen ser impartidas en lingua estranxeira (inglés). Este si que foi un medido e certeiro plan contra o galego! Ese foi o plan en que se escolarizou desde a educación infantil quen agora suma os 14 anos. E agora o plan é elaborar un plan de galeguización para a mocidade que se comezou a desgaleguizar cun plan escolar hai 10 anos. Menudo plan!

[Este artigo foi publicado no semanario Sermos Galiza en papel número 358, á venda na loxa e nos quiosques]