María Xosé Queizán, escritora, catedrática de Lingua e Literatura e figura relevante no feminismo

"O que non é lingua galega é o que falamos agora, que é crioulo"

María Xosé Queizán (Vigo, 1939) recíbenos nunha cafetaría, ao pé do seu fogar, na que é habitual. “Teño completamente asustados os homes cos que chateo”, ri. Escritora, catedrática de Lingua e Literatura Galega, referencia do feminismo, Queizán vén de ser homenaxeada por centos de mulleres galegas pola súa fecunda traxectoria e polas súas achegas á teoría feminista e tamén vén de ser recoñecida co Premio Lois Peña Novo pola súa promoción do galego. Precisamente, lingua e feminismo son os fíos cos que teceu nos setenta A muller en Galicia, obra en que estabelece un paralelismo entre a subordinación social da muller e da lingua. Conversamos con ela sobre as memorias que vai publicar no outono. Eis un extracto da entrevista publicada no número 310 de Sermos Galiza.

queizan
photo_camera [Imaxe: M.O.] María Xosé Queizán

6Ten o recoñecemento que cre que debería?

Pois si, mais eu non o interpreto como deber, eu fixen o que quería facer. A pesar de todos os inconvenientes eu teño forza e enfróntome con todo, non teño medo. A xente diría que son valente, pero son forte e vital.

Por que non ten cadeira na RAG?

Como van meter unha persoa coma min aí? Nas estruturas masculinas, nas que apenas había mulleres e nas que segue habendo poucas, as que entran son aquelas que saben que van traballar para eles pero que non van desbaratar a cuestión. É lóxico, entran mulleres, eu non quero chamarlles dóciles nin quero insultar as que están aí, pero evidentemente están porque calan e outorgan, porque na medida en que tivesen outro comportamento, xa non estarían. Pero en todo é así, non só na Academia.

Vostede é partidaria de empregar grafía portuguesa.

Totalmente. Déronme o premio Lois Peña Novo e estaban alí os do ILG, os catedráticos, os académicos… e falei a gusto sobre a miña teoría, que é evidente. O que había antes era o galego e todo isto que falan de galego-portugues é mentira porque falar diso antes de que exista Portugal… A lingua dos cancioneiros era o galego, a lingua que se creou aquí. O que non é lingua galega é o que falamos agora, que é crioulo, está contaminada de hai anos. Acabei dicindo que eu escribo neste crioulo pola mesma razón pola que me inclinei a falar galego, porque é a lingua que fala o pobo, pero que iso non impide saber que o portugués é o galego culto.

Nas miñas memorias conto moito da culpa de Piñeiro. Cando introducen o galego no ensino ese era o momento de normalizar a grafía, mais el estaba en contra. Os do ILG, dirixidos por un asturiano, Constantino García, decídense pola dialectoloxía, que é a maneira de destruír unha lingua.

Que supuxo para Galiza Piñeiro?

O gran poder. Tiña un poder impresionante. Tivo moitísimo poder e influíu en todos os aspectos, no cultural, no lingüístico, no político… en todos. Era un home poderoso que vivía austeramente, como un cura. Nunca traballou… creo que a xente ten que traballar. A xente que non traballa sempre vive a costa de alguén que fai o seu traballo.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 310 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios