O mal tempo libra a Illa de San Simón de acoller a "insultante" festa do Samaín

As precipitacións, nubes e altas temperaturas mínimas que Meteogalicia prevé para este 31 de outubro son, segundo a organizadora, o único motivo da cancelación da festa de Samaín que a naviera Nabia organizara e publicitara para esa noite na illa de San Simón co aval da Xunta, unha celebración que levantou desde o seu anuncio unha treboada de indignación nas asociacións da memoria
Illa de San Simón. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Illa de San Simón e Ría de Vigo_Turgalicia

Colectivos memorísticos e familiares dalgunhas das persoas que entre 1936 e 1943 pasaron pola illa, convertida nese período en campo de concentración fascista, reclamaban esta mesma semana a cancelación do evento, nun acto impulsado pola Iniciativa Galega pola Memoria en San Adrián de Cobres, por consideralo “unha profanación dun espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo sufrimento, dor e terror”, e por supoñer "unha indecente e insultante banalización do mal”.

No entanto, a empresa puntualizaba esta cuarta feira, en declaracións a Europa Press, que a suspensión da cea e festa e actividades previstas débese “unicamente” ás malas condicións meteorolóxicas. Nas mesmas declaracións, a organizadora apelaba á autorización concedida pola Xunta para realizar o evento, da que incidía en que non foi revocada, malia as críticas das asociacións.

Porén, a Iniciativa Galega pola Memoria vincula a decisión á “marea de indignación democrática” xerada ante unha celebración que considera “totalmente irrespectuosa coas vítimas, as súas familias e o conxunto da sociedade” e amosa a súa satisfacción, ao tempo que mantén a súa petición para que San Simón pase a ser unha “illa da memoria”, cun plan de usos e actividades “axeitados á súa historia como campo de concentración franquista”.

Comentarios