“Fun despedida por ir na lista ás eleccións municipais polo BNG”, afirma Maite Mouriño

Despois de once anos de traballo, Maite Mouriño conseguira un posto de responsabilidade en “Equipos de Señalización y Control S.A.” ESYCSA do que, afirma, é despedida agora após participar nas eleccións municipais como candidata n. 3 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas polo concello de Pazos de Borbén. Demanda a empresa por despedimento nulo por motivos políticos. 

Maite Mouriño
photo_camera Maite Mouriño

-Cantos anos levaba traballando na empresa ESYCSA?

Case once anos. Ocupaba un posto de responsabilidade como xefa na Galiza da área de sistemas de certificación e xestión, auditoría interna e da área de sistemas TIC e tamén levaba o control da carteira de novas proxeccións e oportunidades da empresa e a lei de protección de datos. O meu posto dábame acceso a todos os procesos organizativos da empresa. 

-Como chegar a ese cargo na empresa?

Empecei na base e fun ascendendo ao longo dos anos, con esforzo e moito traballo. A antiga dirección sabía de que organización era mais deuse un cambio tanto en ESYCSA como no Grupo ETRA ao que pertence e foi cando comezaron os problemas. 

-Cando percibe que está a ter dificultades laborais pola súa militancia política?

Actúan no momento en que se fai pública a candidatura de Pazos de Borbén e mesmo me poñen un detective durante a campaña. 

-Como pode asegurar a relación entre ir na lista do BNG polo seu concello e o seu despedimento?

Porque o poñen na carta de despido. Alí din claramente que é por ir como número 3 da candidatura. Tenta enmascarar cunha baixa como cortina de fume mais póñeno con claridade. Hai sete meses levara un golpe e os médicos obrigáranme a coller unha baixa. Nese tempo non pasou nada mais no momento en que se enteraron da candidatura tentaron empregar o argumento da baixa e así o redactan na carta do despido. Din que por ir de candidata nun partido político se sobreentende que vou facer un esforzo que contradí a miña baixa. Nese momento estaba en proceso de revisión de alta e non realicei nada diferente ao que estaba contradito polos facultativos. Teño claro que se non chego a ir nas listas non pasaría nada. Chegan ao extremo de citar mesmo fragmentos do que realicei durante da campaña como sorrir ou atopar e falar cun compañeiro. 

-Despois da campaña chega a incorporarse de novo á empresa?

Fágoo xusto despois das eleccións e non pasa nada. De feito durante o proceso de baixa tiven contactos coa empresa por cuestións concretas debido a que era xefa e pola miña responsabilidade mais en ningún momento me comentan nada . Despois, viñéronme despedir fulminantemente. 

"Na carta de despedimento está claro que o fondo real é a miña condición de candidata ás eleccións".

-Presentou demanda?

Presentei, por despido nulo por discriminación política. Na carta de despedimento está claro que o fondo real é a miña condición de candidata ás eleccións. Tal e como está a reforma laboral contan que sexa un despido improcedente e sacarme de medio. Na demanda pedimos despido nulo e readmisión por discriminación política. Viñeron da asesoría xurídica do grupo desde Madrid para dicirme que seguían nesa posición. 

-Que efectos laborais ten para vostede?

Teño moito que perder, a verdade, porque, ademais do despedimento queren botar por terra a miña profesionalidade  e están vulnerando os meus dereitos fundamentais. De todas maneiras, teño decidido ir até o final porque, de non facelo, significaría que poden seguir actuando desta maneira sen que pase nada. 

-Estamos a falar dunha empresa que ten numerosas concesións nos concellos e administracións públicas -en Vigo, onde vostede traballaba, de maneira especial. O BNG asegurou que estudará a actuación da empresa na súa relación coas administracións públicas.

Vexo correcta esta posición e mesmo o secretario de organización, Bieito Lobeira, sinalou que onde o BNG ten representación se vai valorar e vixiar as concesións da empresa. O que está claro é que non se pode consentir unha forma de actuar así. 

-En que situación se atopa agora?

Estou no desemprego mais non deixo de pelexar. A situación é complicada porque ao ser un despido fulminante quedas sen nada. Teño que volver a empezar de cero, co agravante de que a empresa estame a desprestixiar profesionalmente e iso pode tamén traerme problemas para o meu futuro noutras empresas.

Comentarios