Máis un caso de represión contra as traballadoras, desta volta, na cafetería da Brilat

A empresa que xestiona a instalación, Unión Vending Cádiz, acosa ás traballadoras dende que denunciaron atrasos no pago de nóminas, denuncia a CIG

Unión Vending Cádiz despediu tres traballadoras no último mes e conta con 10 sentenzas firmes por represión sindical.Os problemas coa empresa que xestiona a cafetería da Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (Brilat) comezaron despois de que as traballadoras denunciasen os reiterados atrasos no pago de salarios, o que motivou unha sanción de 6.000 euros da Inspección de Traballo. “A partir dese momento iníciase o acoso e derrubo contra a nosa delegada, e unha vez celebradas as eleccións sindicais comezan os despedimentos”, explican dende a CIG de Pontevedra.

Deste xeito, ademais das ameazas, insultos e coaccións contra as afiliadas da central nacionalista, o propietario de Unión Vending Cádiz, a empresa que xestiona a cafetería, decide despedilas. “O primeiro despedimento dunha delas foi declarado improcedente e o segundo nulo, polo que tivo que readmitila; pero agora vén de despedila por terceira vez sen agardar á resolución do TSXG”.

Mobilización

Arredor dun cento de persoas concentráronse recentemente ás portas da base militar de Figueirido, en Pontevedra, para rexeitar o acoso sindical ás afiliadas da CIG por parte do propietario da empresa que xestiona a cafetería. Coa protesta ás portas da instalación militar pretenden forzar o Ministerio de Defensa a que non lle renove a concesión a esta empresa, ao tempo que reclaman a readmisión das despedidas e o cobro dos salarios pendentes (a unha das afectadas débenlle 5.000 euros). “Solicitamos que lle embargaran a caixa e ao día seguinte despediu a dúas persoas”, critican dende a CIG. 

Comentarios