Máis de tres meses sen movemento sobre o futuro de Alcoa

O comité ameaza con levar a folga máis aló da data do xuízo do ERE (3 de decembro) se as partes non negocian. 
Manifestación dos traballadores de Alcoa nas rúas de Lugo (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Manifestación dos traballadores de Alcoa nas rúas de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A reunión da mesa multilateral entre Alcoa, comité, Goberno español e Xunta rematou esta segunda feira sen avances. A multinacional norteamericana segue adiante cos seus plans de fechar a planta de aluminio primario da factoría de San Cibrao, no concello de Cervo, e de despedir 524 traballadores

As posicións non se moveron desde que o pasado mes de agosto Alcoa accedese a negociar con Liberty House unha posíbel venda, unha opción á que se aferran a Xunta e o Ministerio de Industria, mentres que sindicatos e cadro de persoal apostan na intervención

"Tanto Alcoa como o Goberno español se enrocan e ninguén sabe desa solución para buscar unha saída. A partir do 3 de decembro a situación é distinta, serán responsábeis a Xunta e o Goberno estatal, que din que van da man e actualmente non teñen nada", sinalou o presidente do comité de empresa en alusión ao xuízo polo ERE, fixado para esa data. "De continuar esta posición inmobilista por parte dos dous, os que non van mover a folga somos nós", advertiu José Antonio Zan.

Con esta ameaza de levar a folga indefinida máis aló do xuízo, lembrou que os traballadores fixeron "unha oferta moi clara, que é que antes do 3 de decembro senten a negociar".

Inacción dos Gobernos

A CIG lamentou que após demorar "varias semanas" a convocatoria, na reunión da mesa multilateral o Goberno español non concretase os pasos para efectivizar a intervención nin, en caso contrario, que alternativa ten no curto prazo para garantir a produción e os emprego. Diante da "inacción", o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou que calquera resultado que acabe en feche e despedimentos será responsabilidade de Alcoa e de ambas as administracións".

"Ten que haber unha intervención e unha expropiación para que non se repita o que está acontecendo nas fábricas da Coruña e Avilés. Iso non o imos consentir", apuntou Carril ao respecto.

O secretario xeral da CIG subliñou que Alcoa ten "máis que demostrada" a súa "nula vontade de lograr unha solución de futuro e mesmo amosou a súa incapacidade para asumir a resolución xudicial sobre as medidas cautelares "que desbarata os argumentos da empresa para xustificar a parada de cubas".

Comentarios