América Latina

Máis dun cento de expertos rebaten con datos que se dese fraude electoral en Bolivia

A premisa, en base ás declaracións feitas pola OEA e que deu cheda aos partidarios do golpe de Estado, é posta en dúbida polos 126 asinantes dun manifesto no que se inclúen académicas e académicos de universidades de prestixio.
bolivia represión golpe de estado
photo_camera A declaración da OEA deu cheda aos partidarios do golpe de Estado [Europa Press]

A declaración da Organización de Estados Americanos (OEA) un día despois das eleccións do 20 de outubro, expresando a súa “profunda preocupación e sorpresa pola mudanza drástica e difícil de xustificar na tendencia dos resultados preliminares coñecidos tras o feche das urnas” permitiu que o relato do fraude electoral en Bolivia recibise un gran pulo nos medios e na comunidade internacional e levase mesmo a xustificar o golpe de Estado.

Porén, agora, esa premisa é posta en dúbida polos 126 asinantes dun manifesto no que se inclúen economistas e expertas e expertos en estatística de universidades mundiais de prestixio como a de Cambridge, Harvard ou o Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts.

“Non se incluíu evidencia algunha que apoiase esta declaración. Con todo, interpretouse amplamente como unha acusación de fraude, e despois das eleccións tales acusacións tornáronse habituais nos principais medios de comunicación”, denuncia o manifesto.

O texto, apoiado por gráficos e explicacións técnicas, argumenta que “é doado mostrar con datos electorais, os que están dispoñíbeis publicamente, que a mudanza na vantaxe de Morales non foi nin 'drástica' nin 'difícil de xustificar'”.

Expoñen que “houbo una pausa no reconto rápido dos resultados das votación —así se chegou ao reconto de 84% dos votos— e a vantaxe de Morales era de 7,9 puntos porcentuais”, e que “con 95% do reconto total de votos, a súa marxe aumentara a pouco máis de 10%, o que permitiu a Morales gañar en primeira volta, sen ter que ir a unha segunda”.

Mudanza "usual" no reconto 

A respecto, afirman que “non é inusual que os resultados dunhas eleccións teñan un trazo por localización xeográfica” polo que “os resultados poden variar dependendo de cando se conten os votos das diferentes áreas”. Ademais, din que a mudanza no liderado de Morales “foi parte dun aumento constante e continuo” na súa vantaxe, “iniciado horas previas á interrupción”.

O manifesto remata facendo un chamamento á OEA para que retire as declaracións "enganosas" que "serviron como unha das xustificacións máis utilizadas para consumar o golpe militar", ao tempo que condenan o apoio do Goberno dos EUA ao golpe..

Comentarios