O máis destacado do 2016 cultural

2016 foi un ano de efemérides (centenario das Irmandades, do nacemento de Cela, 150 de Valle-Inclán...) e de mortes demasiado precoces. Pero tamén houbo boas novas e aquí queremos facer un repaso do que nos pareceu máis salientable. Nos comentarios podedes facer as vosas propias achegas. 

1377598566904AgustinFernandezPaz-DistritoXermar-2013-02

1. A morte de Agustín Fernández Paz e Narf. O 2016 foi un ano negro para a cultura en xeral e alén dos pasamentos de David Bowie, Prince, Harper Lee ou Leonard Cohen, en Galiza tivemos que lamentar a perda antes de tempo de Fernández Paz, un dos nosos escritores máis lidos e máis queridos; e de Narf, figura destacada da música galega. E non podemos esquecer tampouco a actriz Dorotea Bárcenas, o baixista de Zënzar 'Tabe' ou o poeta Fran Cortegoso.

2. Ano das Irmandades. Foi quizais o acontecemento cultural máis amplo do ano, celebrado tanto desde as institucións como desde a cultura de base, con congresos e actividades múltiples, entre elas a exposición 'Saúde e terra irmá(n)s!'.

3. Ano Manuel María. O poeta chairego foi longamente homenaxeado -por terra, mar e aire- e a súa obra foi levada a todos os eidos: teatro, música, audiovisual, maxia... 

4. Ano Castelao. Dúas exposicións destacables e unha morea de actividades arredor da súa obra por toda a provincia de Pontevedra, nunha programación levada adiante pola Deputación.

5. 150 aniversario de Valle sen representacións. Celebración moi institucional, descafeinada e sen ser levado a escena, nin en galego nin en ningunha outra lingua. O ano 2017 será o da súa liberación (de dereitos). 

6. Centenario de Cela. Con importante implicación institucional tanto desde Compostela como desde Madrid, e escaso apoio social.  Agora mesmo cunha destacada expo na Cidade da Cultura. 

7. Oliver Laxe levou premio en Cannes. Ademais de ser recoñecido no Festival de Ourense, o 'Mimosas' de Laxe acadou o primeiro premio (Grand Prix Nespresso) da Semana da Crítica deste festival. Tamén Alberto Vázquez obtivo moitos recoñecementos nos máis importantes festivais de animación coa súa longa 'Psiconautas' e coa curta 'Decorado', alén de dúas nominacións aos Goya. E Sicixia, un ano máis o galego no cinema. 

8. Chévere leva 'Eroski Paraíso' a máis de 10.000 espectadores. Esta compañía volve arrasar na billeteira co seu primeiro espectáculo logo do Premio Nacional, estreado en marzo. Tamén Ibuprofeno Teatro acadou o premio especial do público no Festival de Ciudad Rodrigo. 

9. O Mestre Mateo no Museo do Prado. A primeira exposición monográfica dun artista galego neste museo, un dos máis importantes do mundo. 

10. Compostela, cidade convidada na Feira de Bos Aires. Co correspondente desembarco de empresas e autores e autoras, ademais da entrada de Galaxia no mercado español co selo Mar Maior.

11. Liderado feminino na música galega. Sacaron novo disco a finais de ano Guadi Galego e Ses, que arrastra un potente fenómeno fan, inédito até o momento na música e mesmo na cultura galega. E dúas bandas emerxentes como Familia Caamagno e Terbutalina triunfaron nos festivais do verán e empezan a destacar tamén alén do Padornelo. E volveu Malandrómeda con dous discos logo de cinco anos de silencio discográfico.

12. A recuperación da regueifas, levada adiante en varias escolas do país a través do programa Regueifesta.

13. Unha nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora. Á chegada hai pouco de Apiario hai que engadirlle esta nova editora, da man de Antón Lopo e compañía, con libraría compostelá incluída do mesmo nome. E outra libraría máis especializada en poesía: Linda Rama na Coruña. 

14. Continúa a crise nos centros culturais. O CGAI reducido á súa mínima expresión, redución de persoal no CGAC e o director do MARCO abandona pola escaseza de recursos. 

Bonus track: Neste 2016 o poeta Fernán Vello entrou como deputado da Marea no Congreso e o músico Mini fixo o propio no Parlamento galego.