A ministra principal de Escocia comprometeuse a convocalo antes de 2021

Máis de 90.000 persoas piden en Glasgow un novo referendo de independencia

escocia independencia manifestación
photo_camera A participación triplicou á mobilización do ano pasado

Máis de 90.000 persoas manifestáronse este sábado en Glasgow para pedir a celebración dun segundo referendo de independencia do Reino Unido, convocadas pola organización "All Under Onde Banner" apenas dez días despois de que a ministra principal de Escocia, Nicola Sturgeon adquirise o compromiso de impulsar unha nova consulta antes do remate da lexislatura en 2021. 

A participación case triplica a convocada o ano pasado. Con berros de "Fóra conservadores" e "Independencia xa", as manifestantes fixeron unha demostración de forza co que presionar a Londres, reacio a atender as demandas escocesas co argumento de que en 2014 o 55% da poboación rexeitada a independencia. 

Porén, a situación ten mudado substancialmente desde entón, nomeadamente despois do resultado do Brexit, que se materializará, se non hai novos adiamentos, o vindeiro 31 de outubro. Naquela histórica votación na que Reino Unido decidira por maioría saír da Unión Europea, o 62% dos escoceses fixérao no sentido contrario. E este foi precisamente un dos motivos esgrimidos pola propia Sturgeon hai menos de dúas semanas para xustificar a necesidade dunha nova consulta. 

O portavoz da organización da manifestación, Manny Singh, expresou a súa satisfacción polo anunciode Sturgeon,se ben matizou que "para convencer os indecisos" o Executivo escocés "ten que presentar un plan viábel". "É o momento, só precisamos unha data", manifestou, "e o que ten que facer o Goberno é presentarlles aos escoceses un plan viábelsobre agricultura, economía, moeda. Necesitamos unha visión para Escocia", dixo antes de vaticinar que o apoio á independencia nun novo referendo "se duplicará ou triplicará". 

Comentarios