Máis de 650 casos do virus nun matadoiro de Alemaña

A situación fixo que a opinión pública fose coñecedora das condicións de vida e laborais dos traballadores da industria cárnica, moitos temporeiros de Europa do Leste.
policia alemaña tiroteo

Polo menos 657 traballadores dun matadoiro de Gütersloh, no centro de Alemaña, deron positivo nas probas de coronavirus desde o comezo desta semana, converténdose así no principal foco da COVID-19, segundo os datos facilitados pola empresa nas últimas horas.

As autoridades sanitarias da localidade de Gütersloh decretaron unha corentena para unhas 7.000 persoas, incluídas todas as que traballan no matadoiro. A produción na planta, situada na rexión de Westfalia, ficou temporalmente suspendida e o distrito de Gütersloh decidiu o feche de escolas e gardarías.

O conselleiro do distrito, Sven-Georg Adenauer, sinalou que o matadoiro, que pertence ao grupo empresarial Tönnies, líder na industria cárnica alemá, permanecerá fechado de dez a catorce días polo brote.

Adenauer afirmou que todos os afectados serán sometidos a test de coronavirus. As probas realizaranse por fases mais non se realizará un confinamento de toda a localidade malia que se superou o limiar dos 50 contaxios por cada 100.000 habitantes.

O portavoz do grupo Tönnies, Andre Vielstaedte, pediu desculpas polo sucedido: "Gostaría de pedir desculpas á poboación do distrito en nome da familia Tönnies. Faremos todo o que poidamos para sacar o virus da planta e pode volver traballar".

Situación dos temporeiros

En Alemaña rexistráronse varios brotes de coronavirus en plantas cárnicas e en matadoiros. Esta situación fixo que a opinión pública fose coñecedora das condicións de vida e laborais dos traballadores da industria cárnica, moitos temporeiros de Europa do Leste.

Tras se detectar en maio un brote nunha planta de procesamento de carne en Coesfeld, en Renania do Norte, o Goberno ordenou que as empresas do sector realizasen test diarios aos traballadores e a planta afectada clausurouse temporalmente.

O ministro de Sanidade de Renania do Norte Westfalia, Karl-Josef Laumann, anunciou que todos os traballadores de matadoiros do Estado serán sometidos a probas de coronavirus para determinar se o brote é único ou se detectan máis focos.

O xefe do equipo de pandemia de Tönnies culpou as condicións de frío nas plantas e as longas viaxes de volta dos empregados a Europa do Leste nas recentes vacacións de Pentecoste e de Corpus Christi.

Comentarios