En dous anos 40% dos traballos estarán automatizados

As Pemes e os traballadores "medios" serán os máis afectados polas tecnoloxías intelixentes na Galiza, indica o Foro de Economía da Galiza.

automatización traballo robotización

O Foro Económico da Galiza e profesionais en tecnoloxía artificial estiman que 42% dos traballos sexan realizados por máquinas en 2022, un feito que provocará un "gran impacto social" nos empregados de todos os sectores.

A través dos datos do Foro Económico Mundial e outras organizacións europeas, o director do Foro, Santiago Lago Peñas e o director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citius), Senén Barro, aludiron a este tipo de conclusións na presentación dun informe sobre o devir das tecnoloxías intelixentes e a súa influencia no mundo e na Galiza.

O "proceso" de "transformación social e económica" á que "somete a tecnoloxía intelixente é rapidísimo e aínda se está acelerando", explica Barro. En 2022 calcúlase que 42% dos traballos estarán automatizados, pero xa a día de hoxe o 30% dos empregos realízanos máquinas.

"Os altos cargos veranse revalorizados" por "reducir custos" e os máis baixos "veranse empobrecidos, pero seguirá sendo máis barato empregar a unha persoa" 

A este ritmo, na próxima década a "tecnoloxía artificial incrementará a economía mundial en 16%", o que significa que a achega desta revolución nunha década será "o dobre do que supuxo a tecnoloxía dixital durante as dúas primeiras décadas do século XXI", o "triplo do que supuxo todo o proceso de robotización" no últimos dez ou 15 anos e "catro veces" maior ao que significou a "revolución das máquinas de vapor".

Se as previsións se cumpren, "uns 75 millóns de empregos humanos pasarán a ser desenvolvidos por máquinas" aínda que, ao mesmo tempo, Senén Barro tamén asegurou que "máis de 100 millóns de novos postos traballo poderían crearse". O problema radica en que "os perfís de formación" das persoas que serán desprazadas por máquinas "non serán capaces de cubrir os novos empregos" que se precisan "porque carecen dos coñecementos" necesarios.

Disxuntiva

Aquí nace unha disxuntiva sobre a que o Foro Económico da Galiza urxe a "reflexionar", sobre todo no que ten que ver con "o modelo de formación dos máis novos".

Neste sentido, os integrantes do Foro apuntan a apostar por desenvolver e formarse en "habilidades brandas", é dicir, de comunicación, capacidade de innovación, actitude proactiva, traballo en equipo ou de pensamento crítico, unhas aptitudes "cada vez máis demandadas polas empresas" que só achega o capital humano.

A xuízo de Barro, esta revolución acelérase apresuradamente, polo que precisa medidas nos ámbitos da "educación, políticas públicas e a innovación" para conseguir un "desenvolvemento óptimo" que reduza este impacto social que afectará, en maior medida, "á franxa media dos traballadores", aos que se atopan entre "os altos directivos" e os empregados que desenvolven tarefas "de baixo nivel".

"Os altos cargos veranse revalorizados" por "reducir custos" e os máis baixos "veranse empobrecidos, pero seguirá sendo máis barato empregar a unha persoa" que someter o seu labor á automatización, precisou Barro. Por este motivo, o director do Citius considera relevante a "capacidade de redistribución da riqueza" dun país, porque nese caso "serían todo ganancias".

Para conseguir superar o desafío de traballadores obsoletos, o Foro Económico incidiu en "educar dun modo distinto" na universidade. "Non só se trata de pensar todos os títulos ao fío deste mundo que estamos a construír", engadiu Barro.

Ademais da formarse ao longo de toda a vida, resulta necesario traballar "na empregabilidade" dunha persoa durante a súa vida laboral, que poida ir pivotando por "diferentes ocupacións porque o traballo vai cambiar de modo tremendamente acelerado".

Este modo de entender a educación leva unha "responsabilidade individual, das empresas e, sobre todo, dos poderes públicos". As organizacións deben "ter capacidade de liderar estes procesos" e "moitos directivos non se consideran o suficientemente formados", sinalou Barro.

Pola súa banda, as políticas públicas teñen o papel de "estimular e orientar a innovación e a educación" á vez que ofrece "amparo socioeconómico" ás persoas que "se vexan afectadas pola perda de emprego".

Comentarios