Do 22 de marzo ao 12 de abril

Máis de 300 actividades no 20 aniversario do Salón do Libro de Pontevedra

Máis de 300 actividades en vinte días para o vinte aniversario. Son as cifras que resumen o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que tomará literalmente a cidade entre o 22 de marzo e o 12 de abril. “O proxecto naceu para revolucionar a cidade”, expuxo a concelleira de Cultura Carme Fouces (BNG), “non hai un evento similar en todo o país”.
 

salón libro pontevedra
photo_camera Salón do Libro de Pontevedra do pasado ano. Foto: Salón do Libro.

Fouces encargouse de presentar o evento aos medios de comunicación esta cuarta feira: “Trescentas actividades e moitas novidades”. Algunhas delas serán: troca de libros organizada polas Anpa da contorna -o 7 de abril-; xornada lúdica para “prolongar a vida dos libros” e de nome Contos, cancións e electricidade; o espectáculo de clausura Veñan máis vinte.

O Salón do Libro, aínda con epicentro no Pazo da Cutura, esténdese por toda Pontevedra. Cincuenta estabelecementos incluirán nas cartas petiscos de países lusófionos. A residencia de maiores de Campolongo acollerá, o 5 de abril, un concerto de Sérgio Tanus e Marta Bravo. No Teatro Prinicipal habeá función o 28 de marzo con Helena, de Teatro Atlántico, e o 4 de abril, con Celebración, de Sarabela Teatro.

Fouces avanzou, ademais, que “non faltarán as actividades exitosas que forman parte do programa ano tras ano”, por caso, espectáculos dramatúrxicos, musicais ou orientados a bebés. O auditorio do Pazo da Cultura acollerá músicas de estrea: A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco; Comboio da lusofonía, de Maria Fumaça; Canciónspara desafinar, da Gramola Gominola, e Conto contigo, de Paco Nogueiras.

Nas “xornadas dos bebés”, cada domingo, haberá teatro -Comenoites, dos Náufragos, ou Afinal o caracol, de Andante-, ou música -Crash babies de We Tum Tum. Cinco clases mestras de ilustración, un congreso de mediación lectora ou a escola de familia para lecturas serán algunhas outras actvidades do Salón do Libro.

“Son en total máis de 300 actividades para todos os públicos e en toda a cidade”, din desde o Concello de Pontevedra.

Comentarios